22.6.12

Noia: os orzamentos que se levan ao vindeiro pleno para 2012 ascenden a nove millóns e medio de euros

  • Segundo explicou o alcalde, búscase "a prudencia e a contención do gasto dado o contexto actual de inestabilidade e incerteza económica no país galego e no estado español"
  • Con algunhas partidas búscase modernizar a administración local, por exemplo cun Centro de Control de Datos e unha Oficina Virtual de Recadación
  • Para gastos de persoal vai máis do 40%, con máis de catro millóns de euros e en inversións reais empregaranse un pouco máis de un millón cen mil euros, case o 12%.
  • No capítulo de ingresos, o Concello de Noia agarda recadar máis de tres millóns de euros en impostos directos e case dous millóns en taxas e outros. O outro capítulo de maior importancia económica, o de transferencias correntes, ascende a máis de tres millóns setecentos mil euros

Media_httpfarm2static_jfane

Noia, 22 de xuño de 2012. O vindeiro venres, 29 de xuño, no pleno ordinario, darase aprobación, coa maioría do tripartito, aos orzamentos xerais para Noia deste ano 2012. Segundo explicou o alcalde, o socialista Rafael García Guerrero, os orzamentos deste ano están elaborados cunha mistura de "prudencia e contención do gasto ante o contexto actual de inestabilidade e interceza económica. Fallan numerosas subvencións e mesmo algunhas doutros organismos como Xunta ou Deputación desaparecen, polo que temos que tirar de fondos propios".

Unha das partidas máis fortes, algo habitual en calquera concello, é a que se refire ao capítulo de gastos de persoal. "Os nosos traballadores son o principal activo", sinala o alcalde na súa memoria dos orzamentos. Supón esta partida case o 43% do total dos orzamentos, "o que garante a sostibilidade do equipo de persoal de todos aqueles traballadores propios. Só coa recadación se mantén amplamente a estrutura de persoal, pois esta supón o 123% do gasto de persoal". O alcalde reivindica a necesidade de que non se privaticen servizos nin se reduza en recursos humanos, pois impacta negativamente nos municipios e "evidencia que o persoal é o principal activo dunha administración local". Tamén lamenta que as últimas leis impidan que se aumente gasto neste capítulo, o que podería redundar nunha peor calidade dos servizos prestados polo Concello. Para que a fortaleza económica de Noia no panorama galego -unha característica que resaltou varias veces na súa intervención- non se resinta, apóstase por acaparar toda a recadación municipal, sen derivar en servizos doutros organismos (véxase Deputación) nada do que hai que cobrar. Ata o 2011 o principal imposto, o IBI, era recadado pola Deputación, co que o Concello, ao ter que ceder o 5% pola xestión, perdía 255.000 euros.

Media_httpfarm3static_dhcac

Sociedade da información: radio e OVR

No capítulo de gastos correntes obsérvase que a meirande deles son consecuencia da actualización do IPC dos servizos, co importante custe que ten, por exemplo, o tratamento do lixo na Mancomunidade Serra do Barbanza. Entre as partidas novas hai unha referida á Sociedade da Información onde se establece que haberá un servizo de radio municipal -"elemento esencial para a difusión da actividade municipal e a participación cidadá"- e unha Oficina Virtual de Recadación (OVR) para poder pagar as taxas e impostos por internet.

Obras por conta propia para crear postos de traballo na zona

Dada a cantidade de obras que se están a facer "por administración", xeito burocrático de chamarlle ás obras que fai o concello cos seus medios e materiais, apártase unha partida para mercar materiais. O capítulo de investimentos, que se queda nun 11'67% do total orzamentado, supón, segundo o alcalde "unha importante contención" pero evítase recorrer a préstamos para facer novas obras e prímase facelas por medios propios para crear postos de traballo na zona. Entre as obras con máis cartos está a da apertura da nova rúa Pintor Xenaro Carrero trala adquisición da parcela da Casa do Calvario, as obras en Bergondo para o saneamento e as do Curro, que están na segunda fase.



 



 

 

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical