22.6.12

Noia: o colexio "Felipe de Castro", premiado no programa de dinamización lingüística "Nós tamén creamos!"

  • Xesús Vázquez Abad entregou estes premios esta mañá
  • O galardón recoñece tres curtas de animación en galego entre as máis de 60 elaboradas polos 50 centros de infantil e primaria seleccionados para participaren
  • O colexio noiés gañou coa curta "A Máscara do León". Tamén foi premiado con "mención especial" o alumnado de primaria do mesmo centro, pola curta "Maxia"

   

Noia, 21 de xuño de 2012.- A cultura audiovisual e o talento no cinema estiveron presentes unha vez máis hoxe en Santiago da man duns noieses. Trátase do alumnado do colexio Felipe de Castro, a quen o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, entregou hoxe, no auditorio do Centro Galego de Arte Contemporánea, un dos premios a curtas de animación en galego realizados coa técnica stop-motion do programa de dinamización lingüística Nós tamén creamos!

De acordo coas bases do concurso, o profesorado que elaborou esta curta foi recoñecido con 20 horas de innovación educativa e o  centro recibirá unha pantalla de plasma de alta definición, un lote de libros de OQOeditora e mais un diploma acreditativo.

A gran calidade dos traballos presentados motivou que a comisión de valoración acordase realizar mencións especiais en cada categoría:

ALUMNADO DO SEGUNDO CICLO DE EDUCACION INFANTIL

Maxia, CEIP Felipe de Castro, Noia, A Coruña, pola súa orixinalidade e calidade estética.

O conselleiro mostrouse satisfeito da alta calidade das películas presentadas e felicitou tanto os gañadores coma o resto dos participantes. Dirixíndose aos docentes e ao alumnado asistente, recoñeceu que, co seu traballo, están “contribuíndo a facer do galego, non só unha lingua para o presente, senón tamén para o futuro, porque o futuro abrirá as súas portas para os idiomas que se asocien á creatividade e á innovación, á vangarda e ás novas maneiras de comunicación que as tecnoloxías da información e da comunicación fan posibles”. Na mesma liña, valorou que Nós tamén creamos! ofrecese un espazo de colaboración a prol da lingua galega entre Administración, escola e familia.

Ao acto de entrega de premios asistiron, ademais de Vázquez Abad, o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; o director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, Manuel Corredoira; a concelleira delegada de Educación e Normalización Lingüística de Santiago de Compostela, Rebeca Domínguez; a directora-xerente da Televisión de Galicia, Rosa Vilas e o coordinador da área audiovisual de OQOeditora, Marcos López. A encargada de conducir o evento foi a actriz Uxía Blanco.

O acto tamén contou con ampla presenza de profesorado, pais e nais, do alumnado participante na elaboración das tres pezas galardoadas, así como das catro que recibiron mención especial do xurado pola súa alta calidade estética, lingüística e técnica.

Tres centros gañadores
Na modalidade de infantil recibiu o premio o traballo A tartaruga que quería durmir, do CPI As Revoltas de Cabana de Bergantiños; no primeiro ciclo de primaria, o galardoado foi Lobo feroz, elaborado por profesorado e alumnado do CPI Santa Lucía de Moraña e, no segundo ciclo de primaria, resultou premiado o CEIP Felipe de Castro de Noia pola curta A máscara do león.

Os tres premios inclúen cadansúa pantalla de plasma de alta definición, cadanseu lote de libros de OQOeditora e mais diplomas acreditativos expedidos pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística.

As tres curtas de animación gañadoras, que se proxectaron durante a entrega de premios, pódense ver a través dos webs da Secretaría Xeral de Política Lingüística (http://www.xunta.es/linguagalega/nos_tamen_creamos) e mais na sección infantil do web da CRTVG (http://www.crtvg.es/infantil/nos-tamen-creamos).

Catro centros con mención especial do xurado
Pola alta calidade dos traballos tamén as catro curtas Maxia, A vella Lulula, Un can e un gato e A máscara do león -elaborados nos colexios CEIP Felipe de Castro (Noia), CEE Vilagarcía de Arousa, CRA Ponte da Pedra (Carballo) e CPI San Benito de Lérez (Pontevedra), respectivamente- recibiron cadansúa mención especial.

As catro pezas están igualmente accesibles a través dos espazos webs anteditos.

Nós tamén creamos!
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e a Compañía Radio-Televisión de Galicia (CRTVG) puxeron en marcha, o pasado mes de febreiro, o certame Nós tamén creamos!, coa finalidade de potenciar o uso da lingua galega e a innovación educativa a través do audiovisual.

Ao concurso, que se enmarca á súa vez nun programa de dinamización lingüística que leva o mesmo nome, concorreron máis de 60 curtas de animación en galego presentadas por 50 centros de educación infantil e primaria. Na súa confección implicáronse, canda alumnado comprendido entre 3 e 9 anos de idade, máis de 200 docentes que recibiron -mediante obradoiros prácticos levados a cabo nos centros de ensino- formación específica na técnica stop-motion da man da empresa xestora do programa, OQOeditora.

A consellería dirixida por Vázquez Abad, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística e da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, recoñeceulles aos docentes autores dos tres traballos premiados a súa participación con 20 horas de innovación educativa.

Nós tamén creamos! dálle continuidade ao programa dinamización lingüística iniciado no curso 2010-2011 no marco do que todas as aulas de infantil dos centros escolares de Galicia recibiron tres curtas en galego acompañadas de cadansúa unidade didáctica. No curso 2011-2012, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, deu un paso máis na iniciativa co fin de converter o alumnado, non só en receptor de cine en galego, senón tamén en creador.

Animación en galego para a xente miúda
A iniciativa buscou incentivar o uso da lingua galega, nas franxas máis baixas de idade, en novos espazos e soportes, nomeadamente no audiovisual; favorecer a innovación educativa para promover xeitos cada vez máis efectivos de aprendizaxe de linguas; promover unha relación positiva dos rapaces coa lingua propia de Galicia, ao relacionala co audiovisual e coas TIC; abrir unha nova oportunidade para que as nenas e nenos se achegasen á lectura en galego; fomentar a creatividade en lingua galega e difundir as posibilidades de ocio en galego que ofrece a CRTVG.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical