22.6.12

Ribeira: pódese ver de novo o xenio artístico de Ayaso e Costa na súa nova mostra no auditorio

  •  A expo "Entredous II" inaugurouse onte e componse de máis de medio cento de obras do artista aguiñense Manuel Ayaso e o noiés Alfonso Costa
  • Poderase visitar ata o venres 17 de agosto

 

Ribeira, 22 de xuño de 2012.- O Auditorio Municipal deu cabida na tarde de onte á inauguración da exposición Entredous II, de Manuel Ayaso e Alfonso Costa: un acto presidido polo alcalde Manuel Ruiz que contou coa asistencia da concelleira de Cultura Elvira Pisos Arnoso e, por suposto, dos artistas autores das obras que compoñen a mostra: o noiés Alfonso Costa e o veciño de Aguiño Manuel Ayaso.

 

A mostra encádrase dentro da programación de Xuño da Cultura e das Artes e poderá visitarse ata o vindeiro 17 de agosto.

 

Se hai un ano Ayaso e Costa mostraban na Sala Museo Municipal 20 obras froito da súa produción conxunta, Entredous II recolle agora máis de 50 obras que, de novo, levan a firma de ambos os dous. No proceso de elaboración destas obras cada un deles ía traballando por separado nelas, para devolverllas posteriormente ao outro; deste xeito, o pintado por cada un lles servía de inspiración mutua.

 

Segundo indicou Manuel Ayaso, esta mostra reflicte o traballo desenvolvido de forma conxunta ao longo dun ano e medio. O artista expresou o seu desexo de que a exposición sexa do agrado do público que de forma moi numerosa asistiu a este acto de apertura, como de aquel que pase posteriormente polas instalacións municipais.

 

Alfonso Costa subliñou que, ata o que el coñece, esta é a única experiencia en Galicia en que dous artistas se xuntan para facer algo único. Tamén deixou constancia da dificultade que tivo nalgunhas ocasións para adentrarse no mundo fantástico de Ayaso cando era el quen recibía unha creación iniciada polo outro. “Pero afortunadamente eu fun capaz de superalo a el e el foi quen de superarme a min”, sentenciou.

 

En canto a Manuel Ruiz, expresou o orgullo de poder acoller no Auditorio unha exposición a cargo destes dous artistas que, ás veces pola proximidade xeográfica, non sabemos valorar en toda a súa fenomenal importancia.

 

Tamén quixo salientar a aportación da Deputación Provincial a esta exposición a través da publicación na súa imprenta do catálogo da mostra e recordou que a iniciativa se celebra no marco dunha nova programación coa que se pretende poñer en valor a cultura no municipio. A este respecto, manifestou que “poder presumir de dous artistas como eles ponnos no epicentro da cultura de Galicia”.





Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical