22.6.12

Porto do Son: o Bng presenta moción polo do rescate "como roubo ao pobo" e a favor da banca pública galega


O Bng quere unha banca pública galega trala debacle das caixas e a estafa das preferentes

Porto do Son, 22 de xuño de 2012. "O rescate é duplamente lesivo para Galiza, porque significará a destrución do noso sistema financeiro e o expolio do noso aforro", sinala o BNG de Porto do Son, que vén de rexistar no Concello unha moción a favor da constitución dunha Banca Pública Galega e para que se convoque de inmediato un referendo que permita á cidadanía pronunciarse ante un rescate ao Estado español que significa un “roubo ao pobo”, segundo os nacionalistas.

A portavoz municipal do BNG, Ánxela Franco, manifestou que “en realidade, o que se vai rescatar son os bancos -únicos beneficiarios desta operación- e quen vai pagar a factura da operación, en forma de xuros e de novos recortes no seu benestar, é o conxunto da sociedade. E ademais vai significar a destrución do sistema financeiro galego”.  “É por isto que a única alternativa para salvar o aforro galego, e impedir que sexa espoliado por entidades foráneas é a aposta pola Banca Pública Galega, instando á Xunta de Galiza a que demande do Estado a transferencia da participación que o FROB detenta en NGB”, engadiu o portavoz do BNG.

A estafa das preferentes

Asemade, Ánxela Franco manifestou que “queremos que se rescate ás miles de persoas afectadas pola estafa das preferentes, así que con esta moción demandamos unha solución para elas. Solución que non pode ser outra que a da restitución até o último céntimo de todos os seus aforros. Se hai 100.000 millóns de euros para rescatar a banca, debe haber, de existir vontade política, capacidade económica máis que de abondo para devolver o estafado ás vítimas desta xigantesca fraude”.

A depuración das responsabilidades ás que houber lugar polo enorme burato deixado na economía polos xestores do sistema financeiro atopa tamén acomodo na moción do BNG que demanda a creación de comisións de investigación no Parlamento de Galiza e no Congreso dos Deputados. Até agora foron vetadas, explican os nacionalistas de Porto do Son, "por un PP que claramente ampara os responsábeis dunha catástrofe financeira que, rescate á marxe, xa lle ten custado ao contribuínte 118.000 millóns de euros (máis de dúas veces o PIB galego!!!). A moción tamén se preocupa do impacto que a nova reestruturación financeira imposta polo rescate vai ter no cadro de persoal de Novagaliciabanco e na atención aos veciños e veciñas, sobre todo da zona rural. Neste sentido, o BNG demanda a adopción de medidas políticas que permitan que non se destrúa nin un só posto de traballo máis no sistema financeiro galego e se preste atención adecuada aos clientes".


Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical