16.5.12

Ribeira: Verdegaia tamén alega contra a nova depuradora, que cualifica como "trámite ante Bruxelas"

Media_httpfarm3static_paxqi

Ribeira, 16 de maio de 2012. Verdegaia advirte de que o Estudo de Impacto Ambiental da estación depuradora de augas de Ribeira "ten enormes eivas que o fan inviable se se pretende falar dun proceso de depuración real e efectivo, que permita garantir a saúde da nosa ría (fundamental para a nosa vida, para o ambiente e para a economía da comarca) a longo prazo".

Para este colectivo ecoloxista, "o estudo non contempla (ou cando menos non explicita) a separación en orixe das augas fecais, pluviais e industriais (agás as referidas ao polígono de Xaras, que se separan mais non se depuran). Consideramos dita separación condición esencial para realizar unha depuración efectiva de todo tipo de augas residuais, xa que cada un dos tipos precisa unha depuración específica. Isto resulta especialmente grave cando o propio EIA recoñece e cando está demostrado que o polígono industrial verte directamente á ría unha gran cantidade de residuos industriais sen ningún tipo de depuración. Polo tanto, a separación dos tipos de augas residuais en orixe daría como resultado a clara mellora da calidade da auga, dado que cada tipo iría ben depurado segundo as súas  características".

Depuradora específica para Xarás


"Queremos recordarlle á opinión pública que, no seu día, acordárase en pleno do Concello de Ribeira por tódolos grupos municipais solicitar unha depuradora específica para o polígono industrial de Xarás. Non nos parece de recibo que un estudo de impacto ambiental dunha EDAR deixe de lado algo tan serio como as augas industriais de todo un Concello, que, na proposta que se fai, verterán directamente á ría sen depuración previa. Trátase dun volume de vertidos importante, cuxa carga contaminante é moito maior que a das augas fecais", lembran en Verdegaia.

Verter as augas residuais do polígono de maneira separada, tal e como se propón no proxecto, "é necesario, pero non é en absoluto suficiente. Trátase dunha eiva tan grande deste proxecto, que só ela convérteo directamente en papel mollado. Non pode ser que esteamos falando en serio de depuración e de botar os residuos industriais directamente ao mar ao mesmo tempo", aclaran.

"Como é que, cando o propio documento recoñece que a maior carga contaminante procede dos vertidos industriais de Xarás, se propoña unha “solución” depuradora que coas augas procedentes de Xarás non fai outra cousa que vertelas ao mar directamente?

Queremos unha solución integral para o Concello de Ribeira, non un parche para evitar multas de Bruxelas. Un parche que, ademais, é demasiado caro para o ineficiente que vai resultar, xa que seguiremos envelenando a nosa ría cos vertidos tóxicos do polígono industrial", proseguen dende Verdegaia.

Solicitan, ademais, que se faga unha verdadeira separación das augas pluviais. A solución que se propón no actual proxecto "supón unha enorme carga contaminante, aínda que só sexa en momentos puntuais, para as zonas onde están previstos os  aliviadoiros. O propio estudo recoñece que as cargas puntuais en caso de chuvias torrenciais ou abundantes dan lugar a desbordamentos de augas sen depurar ao mar. A opción elexida cremos que é a pior, xa que se opta por unha gran depuradora en lugar de por dúas máis pequenas e é necesario trasladar os residuos ao longo de centos de metros ata chegar ao punto de depuración. Un sistema de pequenas depuradoras permitiría tamén non acumular todos os residuos nunha grande que, se algún día se reborda, non tería capacidade e deixaría todos os residuos á mercede de ter que librarse deles botándoos directamente á ría".

Por último, din que debe contemplarse a depuración separada das augas pluviais e a súa reutilización para outros usos como regos ou limpeza de rúas, tal e como se ven facendo noutros concellos do Estado onde se leva a cabo un proceso de depuración real e efectivo, "e non unha parodia de depuración como parece que se quere facer neste caso".

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical