- Dura todo o día. Hai que levar comida, roupa e calzado axeitados e prismáticos se se pode
- Non se poden levar mascotas, ao ser un espazo protexido
Ribeira, 16 de maio de 2012. Verdegaia organizará o vindeiro domingo 20 de maio un novo roteiro encadrado no programa de roteiros de Verdegaia Vai de roteiros!, desta volta polo Parque Natural do Complexo dunar de Corrubedo e as lagoas de Carregal e Vixán. Saída ás 11:00 h. do Centro de Interpretación dos ecosistemas litorais de Galicia (CIELGA), Ribeira.
Vai de roteiros!
O programa Vai de roteiros! abrangue a totalidade da xeografía galega e zonas próximas, perseguindo diferentes fins como servir para divulgar os valores naturais, culturais e etnográficos das zonas visitadas, dar a coñecer e denunciar as desfeitas que se detectan nas zonas polas que transcorra o roteiro, fomentar a participación cidadá en actividades relacionadas coa natureza, ser un elemento de ocio máis ofertado gratuitamente á cidadanía, e fomentar o traballo conxunto entre asociacións, entre outras finalidades.
Así, cada terceira fin de semana do mes, un dos núcleos comarcais de Verdegaia é responsable da organización e realización dun roteiro no que tentamos integrar elementos naturais e culturais, educativos e reivindicativos para coñecer e valorar mellor o noso medio e o noso impacto sobre el.
Desta volta será a Representante local de Ribeira quen se encargará de organizar o roteiro que sairá do CIELGA ás 11:00 h.
Itinerario previsto con dificultade baixa
O itinerario previsto é o seguinte: CIELGA, dunas da praia do Vilar, marisma do Carregal, praia do Vilar, aparcadoiro da praia do Vilar, lagoa de Vixán, agros de Vilar e volta ó CIELGA.
O percorrido é de dificultade baixa e realizarase a pe coa axuda dun guía especializado da asociación que dará explicacións precisas sobre os diferentes aspectos (biolóxicos, etnográficos,...) do Parque Natural ó longo da xornada en diferentes paradas explicativas.
O roteiro durará todo o día coa súa finalización estimada ás 17 h. e cómpre levar comida, calzado e roupa axeitados, e prismáticos se se dispón deles. Ademais, é aberto e gratuito para todas e todos. Debido ás normas do propio espazo protexido non se permite traer cans.
Un roteiro crítico
O Parque Natural do Complexo dunar de Corrubedo e as lagoas de Carregal e Vixán abrangue un área de 996 ha no concello de Ribeira e a parte desta figura de protección declarouse tamén Lugar de Importancia Comunitaria, Zona de Especial Protección para as Aves, Zona húmida de Importancia Internacional e Espazo Natural en Réxime de Protección Xeral debido ós importantes valores naturais que posúe e que descubriremos o vindeiro domingo no trascurso do roteiro.
Pola contra, entre as desfeitas que padece este valioso espazo natural salientan a contaminación por augas residuais provintes de diferentes puntos da parte norte da ría de Arousa, a falla dunha axeitada xestión do espazo protexido por parte da Dirección Xeral de Conservación da Natureza da Consellaría de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, a presión turística estival ou a presión urbanística.
E ti, xa coñeces a canle de Vitaminas para o galego en Youtube? Xa están parte dos vídeos enviados para #17vitaminas youtube.com/user/vitaminas… Ribeira: Verdegaia tamén alega contra a nova depuradora, que cualifica como "trámite ante Bruxelas" post.ly/7J3qV Boiro: o sábado 26 de maio, roteiro a Sálvora, Jidoiro e Rúa en Ribeira post.ly/7J2Vh Ribeira: el Psoe también se opone a la nueva depuradora post.ly/7IIEp
Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia
No hay comentarios:
Publicar un comentario