Mariscadoras en Barraña, Boiro. Foto de Diego Romero
Noia, 16 de febreiro de 2011. Representantes do BNG de Muros e Noia, acompañados polo deputado Bieito Lobeira, mantiveron hoxe en Noia unha reunión con mariscadoras de Noia e Muros afectadas pola decisión que tomou o goberno do Partido Popular na Xunta de retirarlle o subsidio de 557 € que viñan percibindo aquelas persoas que, tendo imposibilitado exercer a actividade por facer 65 anos, tampouco alcanzaban os 15 anos de cotización necesarios para ter dereito á pensión mínima.
Os nacionalistas subliñan que "débese recordar que foi o goberno anterior quen acordou unha solución para esta situación inxusta pois moitas mariscadoras só comezaron a cotizar á Seguridade Social no ano 2000 ao ser nese ano cando se recoñeceu o marisqueo a pé como actividade profesional. Dese xeito a Xunta de Galicia asinou no seu momento un convenio co Instituto Social da Mariña polo cal se sufragaban as cotas da seguridade social dese colectivo de mariscadoras até que acadaran os 15 anos cotizados (sobre 300 € mensuais). Ao mesmo tempo a Xunta adquiriu o compromiso de outorgar un subsidio de 557 € mensuais (o salario mínimo interprofesional) a cargo dos orzamentos da Consellería do Mar, como compensación de non concederlle o PERMEX (permiso de explotación) a este colectivo".
Piden que o PP recúe con esta medida "inxusta e arbitraria"
As representantes das mariscadoras e do BNG coincidiron en tachar de "inxusta e arbitraria" esta medida, polo que instaron ao goberno do PP a recuar nas súas pretensións. O colectivo tamén manifestou a súa intención de desprazarse ao Parlamento Galego o vindeiro 22 de febreiro, data na que se debate no parlamento a iniciativa presentada polo BNG para repoñer a situación anterior. Bieito Lobeira recordou que esta medida implica un “aforro” de 600.000 € cando "só a Consellería do Mar gasta moito máis en publicidade".
O responsable comarcal do BNG, Manuel González, anunciou ademais que o BNG ía presentar unha moción nos Plenos dos concellos de Muros, Noia, Outes, Lousame e Porto do Son, "instando ao consistorios a apoiar as xustas reivindicacións das mariscadoras da comarca". Á reunión asistiron tamén Bieito González, como portavoz do BNG de Noia, e María Xose Alfonso, portavoz do BNG de Muros.
Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia
No hay comentarios:
Publicar un comentario