- Achácano ás riadas de decembro e xaneiro, pola excesiva auga doce nas praias
- O portavoz de Pesca socialista, José Ramón Val, advirte que a caída de orzamentos “non aportan ningunha expectativa de mellora” para o sector
Barbanza-Noia, 21 de febreiro de 2013. O portavoz de Pesca do Grupo Socialista, José Ramón Val, esixiulle hoxe á Xunta a posta en marcha dun Plan de Axudas específico para paliar as perdas ocasionadas polas riadas de decembro e xaneiro nos bancos marisqueiros de Noia, Barbanza e Arcade. O parlamentario socialista presentou unha iniciativa na que reclamou a entrega das prestacións “en tempo e forma”.
Val esixiu a posta en marcha de medidas específicas de apoio pola alta mortalidade que provocou o exceso de auga doce naquelas datas, e reclamou “celeridade” logo de constatar que a Xunta acumulou retrasos de ata 8 meses na concesión de axudas ordinarias ao marisqueo.
Inmundicia nos pósitos
O responsable socialista advertiu que a redución nos orzamentos da Xunta “non aporta ningunha expectativa de mellora, nin modifica absolutamente en nada esta situación”. Lamentou que “non haxa unha aposta crible para este sector, que está a ser abandonado polo goberno galego ata o punto de que a Comisión do Parlamento Europeo que visitou as rías nestas datas falou da inmundicia acumulada nos pósitos".
José Ramón Val dixo que o sector da baixura está paralizado hoxe en desacordo coa xestión da Xunta no reparto de cotas pesqueiras, centos de mariscadoras se teñen pechado na delegación comarcal da Xunta en Ribeira esixindo ser recibidas pola conselleira do Mar e varios patróns maiores de Arousa denuncian suposto trato de favor no peche de bancos marisqueiros e acceso ás axudas da Xunta.
Lamentou que o goberno galego non teña actuado “de oficio” para apoiar a estas confrarías pola alta mortandade de bivalvos e que “teñamos que agardar dous meses a que os grupos parlamentarios traian as iniciativas para ver que o goberno galego non é quén de facer nada” xa que, dixo, “non hai ninguén limpando as rías nin traballando na rexeneración dos bancos”.
Criticou o “desgoberno” da Xunta diante da situación “realmente comprometida” do sector, que perdeu de maneira significativa o número de Permisos de Explotación –Permex- de 4.300 en 2009 a 3.900 en 2011, ao que se suma a caída de prezos en primeira venda e unha importante caída da produción.
Relacionadas:
Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia
No hay comentarios:
Publicar un comentario