21.2.13

Ribeira: o Concello organiza recital infantil e participa na Alborada Nacional para homenaxear a Rosalía

  • O recital, con poemas de Rosalía, será este venres 22 no auditorio
  • A alborada será parte da nacional que se organiza este domingo 24 en toda Galicia

 

Ribeira, 21 de febreiro de 2013.- Con motivo do 150 aniversario da publicación de “Cantares Gallegos”, de Rosalía de Castro, o Concello ten previsto poñer en marcha dúas actividades que conmemoren a efeméride dun fito tan importante para a historia da Literatura Galega.

Para dar conta dos detalles de ambas actividades, déronse cita no Consistorio local a concelleira de Educación, Mª Carmen Vizcaya, e a responsable do Servizo de Normalización Lingüística, Alicia Padín.

A primeira das accións terá lugar no día de mañá, venres 22, e está dirixida aos nenos e nenas dos distintos centros educativos do municipio. Tratase dun recital poético infantil que terá lugar de 11 a 12.30 horas no Auditorio Municipal.

O evento contará coa presenza de máis de 250 nenos e nenas de 4º de Primaria, que participarán nunha lectura coral do poemario da poetisa de Padrón.

Así mesmo, o evento dará cabida tamén á proxección sorpresa dunha curtametraxe realizada por alumnos do IES Nº1 sobre a homenaxeada. Esta peza fílmica será colgada nos vindeiros días na páxina web da Asociación de Escritores en Lingua Galega (www.aelg.org), promotores da iniciativa da creación audiovisual na honra de Rosalía.

Por outra banda, o domingo 24 de febreiro (día propio no que se cumpren 150 anos da publicación de “Cantares Gallegos”) vaise poñer en marcha unha Alborada para Rosalía de Castro interpretada por gaiteiros e músicos tradicionais, recollendo a iniciativa da Asociación Galega de Gaiteiros, a Fundación Rosalía de Castro e a Real Academia Galega.

Relacionadas:




Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical