O estudantes do IES Auga da Laxe de Gondomar achegáronse onte á vila rianxeira para participar nunha actividade xa tradicional do Equipo de Dinamización da Lingua Galega (EDLG) do IES Félix Muriel de Rianxo: o intercambio con alumnado doutro EDLG dun centro de ensino secundario de Galicia.
Coa finalidade de que o alumnado de Gondomar vise como o galego é a lingua espontánea do alumnado rianxeiro, organizáronse unha serie de actividades de convivencia que xa comezaron hai varios meses cando os rapaces e rapazas dun e doutro centro entraron en contacto por correo electrónico e a través das redes sociais, ata que onte se celebrou ou primeiro encontro presencial. O alumnado rianxeiro presentoulles, dentro do IES, o seu concello e mais o traballo que desenvolven no Equipo de Dinamización da Lingua Galega, e logo fixéronlles de guía nunha visita pola vila.
Debido ás condicións climatolóxicas, parte do roteiro efectuado polas rúas de Rianxo foi suspendido e ambos IES ocuparon a maior parte do tempo nos museos da vila: o Museo do Mar e o recentemente inaugurado, Casa-museo de Manuel Antonio. Xa pola tarde, acudiron todos ó concello de Ribeira para visitaren o complexo dunar de Corrubedo.
O alumnado dun e outro centro interactuou perfectamente e os mozos e mozas de Gondomar tiveron oportunidade de falar en galego con outros da súa idade que teñen esta lingua como habitual, algo que no sur de Galicia e mais concretamente nos arredores da cidade olívica é difícil de atopar, segundo apuntou Valentina Formoso, profesora do IES "Félix Muriel" e cofundadora da coordinadora de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística.
Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia
No hay comentarios:
Publicar un comentario