3.12.10

Boiro: tensión preelectoral con declaracións e desmentidos entre goberno e oposición

O goberno bipartito boirense replícalle ao PP que "nin se suben impostos nin se malvende o patrimonio"


Boiro, 3 de decembro de 2010. Ante as declaracións realizadas hoxe polo grupo municipal do PP de Boiro -declaracións a outro medio, porque o PP de Boiro segue a ignorar Certo, como fan outros grupos noutros concellos destas bisbarras, non porque nós vetemos a ninguén-, o goberno bipartito boirense quere manifestar o seguinte: 

  1. Respecto da falsa subida de impostos. O PP utiliza a demagoxia mostrando recibos de 2003 e 2010 do Imposto sobre Bens Inmobles (IBI), e ante esta manipulación hai que puntualizar isto:
  1. En primeiro lugar, nestes anos houbo un importante auxe da construción, polo que o número de vivendas aumentou considerablemente en Boiro e, en consecuencia, o número de contribuíntes e de ingresos polo concepto do IBI.
  1. En segundo lugar, cando se fixo a revisión catastral do 2008, a oposición estivo informada en todo momento, pois houbo reunións a tal efecto. O proceso tivo tal transparencia que houbo unha oficina de información ao contribuínte aberta, na que se atendeu a 5.000 persoas, das cales só dúas presentaron reclamacións. Dita revisión non a fai o Concello, senón a oficina do Catastro da Coruña.
  1. O tipo impositivo que se aplica ao valor catastral de cada inmoble, e que fixa o Concello,  é o mínimo que permite a lei; iso sábeo o PP. A valoración catastral do inmoble está fixada polo Ministerio de Economía e Facenda, polo que o Concello xa está a aplicar a cota máis reducida posible.
  1. Os servizos de lixo, auga e sumidoiro son os máis baratos de todos os concellos da comarca. Precisamente, o PP non é o máis indicado para falar de subida de impostos, pois o incremento do lixo prefixouno o PP cando nos meteu en Sogama, pois tódolos anos hai que ir subindo o que indique este órgano. Por outro lado, desde a Xunta gobernada polo PP, incrementarán o recibo da auga nun 300% a través da nova Lei de Augas, cartos que enriba terá que recadar o Concello para entregarllo á Xunta. “Se desde a Xunta se atreven a tal subida; non queremos pensar que farían no Concello de Boiro”, sinala o executivo.
  1. Outra das graves acusacións do PP refírese á  “malvenda” de patrimonio municipal. Neste punto, o goberno quere manifestar o seguinte:
  1. Nos orzamentos do 2010 figura unha partida de 415.000 euros para pagar as expropiacións de A Cachada aos que recorreron o xustiprezo e gañaron na vía xudicial, o que supón o 70% do orzamento destinado a investimento, todo iso herdanza do Partido Popular.
  1. As vendas proxectadas de dúas parcelas municipais (unha no polígono industrial e outra en Barraña) faranse con toda a transparencia e garantías que marca a lei, e os ingresos que xeren hanse destinar a indemnizar ao resto dos propietarios de terreos expropiados na Cachada, pois o montante ascende a outros 720.000 euros, outra herdanza do Partido Popular.
  1. Copropietarios das parcelas municipais en Barraña (procedentes do 10% que lle corresponde da reparcelación) quixeron comprar a parte do Concello de Boiro, máis, como ben público, teñen que saír a subasta e seguir tódolos pasos que marca a lei. “Non se fixo como noutros tempos, cando se creou unha empresa inmobiliaria para autocomprarse parcelas dos excedentes dos plans parciais”, sinala o executivo. Igualmente, o goberno de Boiro lembra ao PP “que non se esqueza de que antes de estar feita a segunda fase do polígono xa eles tiñan vendida a parcela que lle correspondía ao Concello”.
  1. Por último, aclarar que, en todo caso, non se está a vender patrimonio do Concello, senón a porcentaxe que lle corresponde ao Concello dos plans parciais, e que o proceso se fará publicamente, con legalidade e transparencia. En todo caso, o PP “ten pouca entidade moral para falar destes asuntos, dada a súa traxectoria”.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical