- A expedición foi recibida polo alcalde na Casa Consistorial
- Forman parte dun grupo de Acción Costeira da illa Saaremaa, que está a visitar localidades da ría de Arousa organizadas polo GA5
Ribeira, 10 de outubro de 2012.- O salón de plenos do Consistorio foi testemuña no día de hoxe dunha recepción oficial que o alcalde Manuel Ruiz Rivas lle brindou no nome do Concello a unha delegación procedente da nación báltica de Estonia. Esta comitiva, integrada por un grupo de acción costeira de financiamento europeo, está a coñecer e analizar, da man do GAC 5, algunhas iniciativas que se están a impulsar en ambas marxes da ría de Arousa co obxectivo de fomentar o desenvolvemento pesqueiro e turístico da zona,
Durante o acto, Manuel Ruiz estivo acompañado na mesa presidencial pola xerente do GAC 5, Rosa Carballo, e a súa homónima do grupo de acción costeira estonio, Tiiu Kupp. Ruiz Rivas fíxolles partícipes da puxanza que ten Riveira en sectores como a pesca (o porto de Santa Uxía é líder en descarga de pescado fresco) e a industria conserveira. Tamén lles deu conta das dificultades derivadas de que boa parte das decisións nestes ámbitos se toman en Bruselas, moitas veces descoñecendo a súa incidencia social, o que ocasiona a necesidade de diversificar a economía local a través da busca doutras alternativas de negocio, sen substituír o principal medio de vida.
O rexedor riveirense tamén resaltou as similitudes existentes entre Galicia e Estonia, como o seu tamaño, a riqueza do seu patrimonio natural e os seus moitos quilómetros de costa. Ruiz Rivas desexou á expedición estonia unha agradable e proveitosa estancia no municipio.
Tiiu Kupp expresou o agradecemento do seu grupo por esta recepción e informou de que a delegación procede da illa de Saaremaa (salvo dous membros que son do centro do país): unha zona cuxos recursos pesqueiros diminuíron notablemente nas últimas dúas décadas. Kupp explicou que co fin de reimpulsar e diversificar a economía da zona, promovéronse nos últimos tres anos un total de 72 proxectos, oito dos cales estiveron dirixidos á reconstrución de portos pesqueiros.
Pola súa parte, Rosa Carballo comentou que nos dous días pasados tiveron ocasión de ensinar á delegación báltica distintos proxectos pertencentes ao GAC 5 na outra banda da ría arousá (en localidades como Vilagarcía e Cambados) e que hoxe terán ocasión de amosarlles outra nova iniciativa consistente nunha innovadora cetárea en Corrubedo que busca favorecer a economía do entorno.
A visita rematou cun intercambio de obsequios institucionais e material turístico entre o Concello e a delegación foránea.
A continuación, a expedición estonia tivo ocasión de asistir á descarga de peixe no porto de Ribeira e ao funcionamento da súa lonxa, de administración municipal, e estaba previsto que realizase despois un percorrido en barco pola ría.
Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia
No hay comentarios:
Publicar un comentario