10.10.12

Outes: Francisco Añón, homenaxeado polo seu bicentenario na súa terra e na Academia

  • Tal día coma onte, 9 de outubro, nacía o poeta, en 1812 

  • O secretario xeral de Cultura gabou as iniciativas que “promoven un maior coñecemento social dos nosos autores e dos momentos máis relevantes da construción da nosa historia cultural”

Outes, 10 de outubro de 2012.- A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria sumouse aos os actos de conmemoración do centenario de Francisco Añón que se celebraron onte en Outes, terra natal do poeta. O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, participou nas iniciativas promovidas polo Concello de Outes para homenaxear o poeta Francisco Añón cando se cumpren os douscentos ano do seu nacemento; “iniciativas –dixo– que a Xunta de Galicia acolle e apoia con entusiasmo por promoveren un maior coñecemento social dos nosos autores e dos momentos máis relevantes da construción da nosa historia cultural”.


“O congreso desenvolvido a semana pasada na Cidade da Cultura de Galicia permitiu afondar no estudo da achega poética e vital de Francisco Añón e as diferentes homenaxes que se veñen desenvolvendo estes días en Outes permiten recuperar esta figura na memoria dos seus habitantes”, dixo o secretario xeral.

Recuperación de figuras singulares


O representante da Consellería tamén asegurou que “estas celebracións arredor de momentos que marcaron pasos decisivos do avance cultural de Galicia e da recuperación dun status para a nosa lingua constitúen un conxunto de pingas do noso pasado traídas á actualidade, que nos axudan a recuperar para o presente a referencia das nosas figuras e obras máis singulares da nosa historia”.

Xunto co secretario xeral tamén interviron no acto o alcalde de Outes, Carlos López Crespo; o secretario da Real Academia Galega, o rianxeiro Xosé Luís Axeitos; a vicepresidenta da Deputación da Coruña, María Elvira Padín, e o coordinador dos actos de homenaxe, o outense Xoán X. Mariño.

As celebracións arredor do bicentenario de Añón comezaron coa inauguración dunha placa conmemorativa da efeméride. A continuación tivo lugar o acto de entrega do retrato de Francisco Añón por parte do pintor noiés Alfonso Costa ao Concello de Outes. A intervención das das autoridades presentes e unha ofrenda floral ao poeta diante do seu monumento na Casa do Concello completaron os actos de homenaxe.

Ademais de colaborar co Concello de Outes na realización do congreso sobre Francisco Añón que se realizou na Cidade da Cultura os días 4 e 5 de outubro, a Secretaría Xeral de Cultura apoiou a publicación de Vida e obra de Francisco Añón, un volume da autoría de Ramón Blanco que acaba de publicar a Editorial Galaxia e que nace coa vontade de difundir a achega literaria e lingüística do poeta no conxunto da sociedade.

Colaboración da Real Academia Galega

Marino_e_gonzalez_outes

A Real Academia Galega tamén se quixo sumar á homenaxe do bardo de Boel. Na súa web ten publicado o poema "A Galicia", que se pode ler en edición facsímile aquí. A biografía de Añón está nesta ligazón.

Ademais, o pasado 4 de outubro na Cidade da Cultura de Santiago de Compostela, durante a presentación do libro "Poesías galegas", de Añón, o membro de número da Academia Manuel González González, expresou o seu agradecemento por esta iniciativa ao Concello de Outes pois "axuda a situar a figura de Añón no lugar que merece no canon da literatura galega". Durante a súa intervención, o membro da executiva da Academia salientou, tamén, o carácter "progresista" do poeta outés, "amigo persoal de Antolín Faraldo e comprometido co ideario revolucionario do provincialismo, como podemos ver no seu poema "A Galicia" [PDF 1Mb].

Esta reedición facsimilar do libro Poesías Galegas, de Francisco Añón Paz, editado polo Concello de Outes coa colaboración da Real Academia Galega e da Deputación da Coruña, presenta como novidade dous prólogos; un a cargo de Carlos L. Crespo, alcalde de Outes, e outro do presidente da Academia, Xosé Luís Méndez Ferrín, que reproducimos aquí [PDF 0.3Mb].

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical