27.2.12

Ribeira: o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia tumba a piscifactoría de Laxe Brava, ás portas de Corrubedo

  • A asociación ecoloxista Adega congratúlase deste fallo do alto tribunal, que supón "outro golpe á macroacuicultura", desta volta deseñada polo anterior goberno da Xunta do Psoe e Bng
  • Advirte Adega a Feijóo que "lonxe de felicitarse, poña as barbas a remollo" pois o plano director do PP en acuicultura é tan invasivo ou máis que o previsto polo bipartito

Laxebrava

27 de febreiro de 2012
.
Segundo informa hoxe a asociación ecoloxista galega Adega, "o TSXG vén de anular a prevista piscifatoría da Laxe Brava en Corrubedo. Estima o recurso presentado polo concello de Ribeira contra esta instalación, veciña ao Parque Natural. Na súa fundamentación, o TSXG argumenta "que todos eses valores [paisaxísticos e ambientais] poidan ser preservados por una instalación de acuicultura que ocupe as dúas terceiras partes dun espazo de 308.000 m2 é algo do que cabe dubidar". Deste xeito, unha das instalacións máis polémicas do Plano Acuícola do bipartito (e situada fóra da Rede Natura) queda anulada. Lonxe de felicitarse, Feijóo debera poñer as barbas en remollo: o TSXG recoñece o impacto das macroplantas acuícolas mesmo fóra da Rede Natura e chama a atención sobre a intensa e inxustificada ocupación do chan rústico. Como quedaría entón o Plano Director do PP se mesmo permite piscifatorías en parques naturais e aposta pola concentración das instalacións en macropolígonos? É esta a "seguridade xurídica" que predicaron Feijóo e Rosa Quintana?".

En ADEGA pregúntanse, ao abeiro desta sentenza, como queda o Plano Director de Acuicultura, actualmente en tramitación por parte da Xunta, e que mesmo permitiría, en palabras da propia conselleira Quintana, poñer piscifatorías en calquer espazo da costa. Segundo os ecoloxistas galegos, trátase dun Plano Director "escandalosamente permisivo que nen sequera contempla como zonas de exclusión aquelas áreas de maior valor ambiental e que tende a concentrar as instalacións en "megaparques acuícolas" de centos de hectáreas en primeira liña de costa, semella ir na dirección contraria ao que establece o TSXG nesta sentenza".

No seu Plano Director, a Xunta pretende eliminar os impactos paisaxísticos das macroplantas acuícolas aos que se refire a sentenza do TSXG pintando de verde as piscinas, plantando herba e instalando teitos de palla. "E que dicir dos centos de hectáreas arrasadas a cota cero en hábitats cuxa protección é considerada prioritaria por Europa (ver o caso de cabo Viñán ou Touriñán) e dos millóns de metros cúbicos de augas contaminadas con antibióticos, químicos e parásitos inxectadas directamente no litoral virxe?", claman en Adega.

Ademais, en Adega pregan á veciñanza que empreguen o resultado desta sentenza. "Con esta sentenza, o TSXG senta precedente e abre a porta para que calquera cidadán, colectivo ou administración poida facer valer a protección do litoral fronte ao intento de asalto da patronal acuícola coa connivencia da Xunta. Tanto ten que Feijóo teña declarado a acuicultura "de interese público de primeira orde" para puentear a Rede Natura; tanto ten que os instrumentos de protección territorial foran convintemente rebaixados  e que calquera sitio da costa poida ser ocupado: non é posíbel agochar os enormes impactos ambientais e territoriais destas instalacións e a Xunta non pode obvialos. Segundo o TSXG "infrínxense os principios de cautela e de protección do medio ambiente que establece a Lei 9/2006"."

Pescanova non cheirará Touriñán

Esta sentenza alonxa aínda máis o obxectivo de Pescanova de ocupar Touriñán, mais non só este espazo. Tamén calquera outro treito de costa que albergue valores paisaxísticos, biolóxicos ou xeomorfolóxicos destacados está protexido pola lexislación ambiental fronte aos "instrumentos de demolición" deseñados ad hoc pola Xunta, explican os de Adega.

 

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical