19.1.11

Noia: promocionan os cruceiros do municipio e arredores cun calendario

Noia, 19 de xaneiro de 2011. O Equipo de Dinamización da Lingua Galega do instituto "Campo de San Alberto" de Noia leva varios anos traballando diversos aspectos da cultura da zona que logo se reproducen nun calendario "cun grande valor ilustrativo e didáctico", segundo explican no blog do EDLG. Este ano o motivo escollido foron os cruceiros da comarca. Foi elaborado por un equipo de profesores e persoal administrativo e, segundo afirman, "o calendario é o resultado dun labor de investigación e dun traballo de campo cuxo produto son as fotografías que nel se mostran e o texto que ilustra cada unha delas".

Como se observa na imaxe superior, o mes presente está adicado ao cruceiro ubicado no cemiterio de Santa María a Nova.


Cruceiro gótico do Tapal

O mes de febreiro é para o cruceiro do Tapal, unha peza de arte gótica do século XV que estaba antes na entrada de Ponte Nafonso. A lenda conta sobre el que o construtor desa afamada ponte fora enterrado á sombra deste fermoso cruceiro. Foi propiedade da familia Rodríguez Paz, que tivo que retiralo para que puidese pasar a estrada que se fixo nos anos 20 do século pasado. En 1954, con Manuel Blanco Ons de alcalde, foi trasladado á praza do Tapal onde hoxe se pode admirar. 


O cruceiro de Eiroa de esguello

En marzo, é o cruceiro de Eiroa o protagonista. Abril ocúpao o situado no adro de Santa Cristina. No mes de maio está o de Berrimes, en Lousame. Tamén xuño está adicado a un cruceiro do veciño municipio, en concreto ao de A Escabia. Xullo ocúpao o cruceiro de San Ourente, en Outes. Agosto e setembro tamén son para Outes, cos de Roo e o de Barreira. En outubro achéganse ao cruceiro de Montemuíño en Porto do Son; en novembro ao de Pedrafurada (Caamaño, Porto do Son) e no último mes deste ano poderase admirar o cruceiro de Xuño, tamén en Porto do Son.


Cruceiro de Cabrais, en Porto do Son

Se desexa ter un destes calendarios, están á venta no IES "Campo de San Alberto", a tres euros a unidade.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical