O conselleiro de Cultura anunciou que os ensaios desta versión da obra de Bertolt Brecht darán comezo en abril para a súa estrea no mes de xuño
Ribeira, 12 de xaneiro de 2011.- O dramaturgo ribeirense Quico Cadaval non para. O Centro Dramático Galego (CDG) levará ás táboas en xuño A ópera dos tres reás, a partir da famosa obra de Bertolt Brecht, para o que contará con Quico Cadaval na dirección escénica e co actor Luis Tosar no papel protagonista. O conselleiro de Cultura e Turismo, Roberto Varela, anunciou hoxe a que será a segunda produción propia da compañía pública para a temporada 2010-2011, un espectáculo de gran formato que materializa a aposta da directora do CDG, Blanca Cendán, polo teatro musical.
Segundo explicou Roberto Varela na presentación da nova programación semestral, en febreiro desenvolverase un proceso de selección para completar o amplo elenco de actores e músicos que iniciará en abril os ensaios. Coincidindo coa celebración do Ano Internacional da Música, o Centro Dramático Galego actualizará –coa dramaturxia do propio Cadaval e baixo a dirección musical de Carlos Ariel Gracia Baez– a ópera paródica asinada en 1928 polo dramaturgo alemán xunto co compositor Kurt Weill, ambientada nun submundo de marxinalidade e delincuencia.
O titular de Cultura agradeceu a todos os implicados a ilusión coa que enfrontan unha proposta “tan atractiva como esixente dende o punto de vista artístico”, afirmou. No caso de Luis Tosar, ao que felicitou persoalmente pola súa recente candidatura aos Premios Goya 2011 na categoría de mellor protagonista, quixo subliñar ademais o feito de que o actor lucense aceptara o “reto de facer unha paréntese nesta imparable carreira cinematográfica para regresar ás táboas, en Galicia e nada menos que cun musical”, no que interpretará o popular personaxe de Mackie Navalla. Varela continuou expresando a súa convicción de que, á vista dos nomes que encabezan o equipo artístico, o resultado final estará á altura das expectativas, convertendo A ópera dos tres reás no “acontecemento escénico do ano”.
Ademais de Tosar, acompañaron o conselleiro nesta presentación o director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Juan Carlos F. Fasero, e a directora do CDG, Blanca Cendán, quen se detivo no programa de actividades promovidas pola compañía pública no Salón Teatro, cun total de 71 días de apertura ao público entre xaneiro e maio.
Estreas galegas
Porén, o apoio á escena galega continúa a ser unha prioridade para a dirección do CDG na xestión deste espazo, de xeito que o novo ciclo de programación ofrecerá un total de 30 funcións de 13 espectáculos producidos en Galicia, incluíndo dúas estreas absolutas a cargo de compañías de recente creación: Alfredo Padilla presentará o resultado dun proceso de investigación teatral arredor de Hamlet (5 e 6 de marzo) e Redrum Teatro levará a escena a comedia musical para público infantil Moito conto (14 e 15 de maio).
As propostas galegas ocuparán o Salón Teatro xa a partir da próxima semana, comezando con Memoria de Helena e María (do 20 ao 23 de xaneiro), obra coa que Teatro do Atlántico conmemora o seu vixésimo quinto aniversario. A continuación, Abrapalabra Creacións Escénicas ofrecerá –do 28 ao 30 de xaneiro para o público xeral e os días 31 e 1 para estudantes– o “monólogo escénico-narrativo” Memoria das memorias dun neno labrego, dirixido e interpretado por Cándido Pazó co gallo do 50 aniversario da primeira edición da obra de Xosé Neira Vilas na que se inspira.
O 11 de marzo Teatro do Morcego exhibirá outro clásico, Os vellos non deben de namorarse, de Castelao, mentres que Berrobambán se presentará o 1 e 2 de abril con Pressing Catch, obra de Paula Carballeira que reflexiona sobre as distintas formas de violencia a través da ironía e o humor.
Xa en abril, os días 14 e 15 Carlos Blanco proporá aos espectadores unha viaxe ata Brasil a través do espectáculo Ordem e progresso e acompañados pola música do Sergio Tannus Trío. A programación continuará o 16 e 17 con A filla de Woody Allen, debut da compañía de Santiago Cortegoso, e os días 5 e 6 de maio Espello Cóncavo porá en escena Limpeza de sangue (o sangue fai ruído), obra pola que o Rubén Ruibal recibiu os premios Álvaro Cunqueiro para textos teatrais e Nacional de Literatura Dramática. Ademais, o 17 de maio presentarase Mundo Lois, espectáculo multidisciplinar arredor da figura e obra de Lois Pereiro, a quen se lle dedica este ano o Día das Letras Galegas.
Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia
No hay comentarios:
Publicar un comentario