21.1.11

Mar: destinarán uns 360.000 euros a nove confrarías de Barbanza para mellorar a xestión, conservación e sostibilidade dos recursos mariños

Ribeira, 21 de xaneiro de 2011.- A Xunta de Galicia, a través da Consellería do Mar, destinará máis de 360.000 euros a nove confrarías do Barbanza co fin de mellorar a xestión, a conservación e a sostibilidade da explotación dos recursos mariños. O delegado territorial da Xunta na Coruña, Diego Calvo, asinou esta mañá no local da Consellería do Mar en Ribeira os convenios de colaboración coas confrarías de Aguiño, Cabo de Cruz, Muros, Noia, Palmeira, Pobra do Caramiñal, Porto do Son, Rianxo e Ribeira.


A Xunta non informa ou desglosa os cartos que vai percibir cada confraría

A vixencia destes convenios, cofinanciados polo Fondo Europeo da Pesca, remata o vindeiro 30 de xuño de 2011, aínda que poden ser prorrogados se existe acordo entre as partes.

Dentro dos convenios hai dous tipos de acordos. O primeiro deles, o de xestión das zonas de produción, ten como obxectivo mellorar a produtividade dos bancos marisqueiros. Para acadar este obxectivo, está prevista a implantación de técnicas de semicultivo, a elaboración de plans de explotación e de proxectos de rexeneración de zonas de produción, así como o seguimento da produción efectiva dos bancos naturais marisqueiros.

O segundo dos convenios, referido á realización das actividades de conservación, protección e sustentabilidade, céntrase en velar pola protección dos recursos mariños mediante a loita contra o furtivismo e o establecemento de condicións de acceso ás zonas de pesca e comprende actuacións como o control e seguimento dos bancos marisqueiros naturais e a realización de operacións de salvagarda do medio mariño e das súas especies mediante o establecemento das condicións de acceso ás zonas de pesca.

Calvo salientou que, como novidade, a diferenza de anos anteriores e por petición das propias confrarías, a tramitación dos convenios por parte das delegacións territoriais da Consellería do Mar “permitirá axilizar os pagos e gañar en eficacia”.

Os convenios establecen que a Consellería do Mar e as confrarías leven a cabo un seguimento conxunto das actuacións e tomen as medidas oportunas para o seu correcto desenvolvemento. Pola súa banda, o departamento autonómico comprométese a destinar os medios persoais e materiais propios que sexan necesarios para acadar o desenvolvemento e coordinación das accións obxecto de ditos convenios.

“A Consellería do Mar segue así a traballar na defensa do medio mariño e dos recursos dos bancos marisqueiros, para o que é preciso adoitar medidas de xestión e de apoio aos profesionais que permitan acadar a máxima rendibilidade sen poñer en perigo a conservación do recurso e do seu medio”, apuntou Calvo.

O delegado territorial da Xunta na Coruña asinou os correspondentes convenios coas Confrarías de Ferrolterra e da Coruña nos próximos días fará o mesmo coas confrarías da Costa da Morte. “A finalidade é rematar con prácticas como o furtivismo e a sobrepesca para garantir a correcta rexeneración dos recursos marisqueiros e a preservación do medio e, ao mesmo tempo, garantir a continuidade dunha actividade da que viven moitas familias en Galicia”.


Un dos convenios é para loitar contra o furtivismo

Plans de cooperación

No transcurso do acto, Diego Calvo lembrou que os concellos que teñen grupos Grumir poden iniciar xa os trámites para a contratación de persoal non estable destes colectivos, unha vez publicadas no DOG as axudas do Plan de Cooperación para entidades locais ao abeiro do cal se poden facer estas solicitudes. As contratacións poderán facerse efectivas a partir do mes de febreiro.

O delegado territorial destacou que esta orde “ven a demostrar unha vez máis o compromiso decidido da Xunta cos municipios e as persoas desempregadas”. Calvo tamén salientou que este compromiso “ponse de manifesto no aumento da dotación orzamentaria do plan nun 20 por cento respecto ao 2010, a pesares da obrigada contracción das contas autonómicas para este exercicio”.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical