22.10.10

A Pobra: as obras da segunda fase do saneamento da Ribeiriña-Conchido comezan a vindeira semana

A Pobra do Caramiñal, 22 de outubro de 2010.  As obras para levar a cabo o proxecto de “SANEAMENTO NA RIBEIRIÑA – FASE II” foron adxudicadas á empresa FERORSA de Ferrol e comezarán ao longo da vindeira semana, informou hoxe o Concello.

     O equipo de goberno da Pobra do Caramiñal di sentirse "moi satisfeito de que a Xunta de Galicia, e máis concretamente a Consellería de Medio Ambiente – Augas de Galicia vaia a levar a cabo este proxecto, o “SANEAMENTO NA RIBEIRIÑA – FASE II” que contará cun orzamento de 676.312,93 euros".

     O obxeto deste proxeto é a definición das atuacións necesarias para a dotación de servizos nos núcleos da Ribeiriña e Conchido que inclúe a construción da rede xeral de colectores. Preténdese completar o saneamento do núcleo da Ribeiriña, recollendo tamén as augas fecais do Conchido, para xuntalas coas recollidas na primeira fase xa executada e, posteriormente, levalas á rede municipal de colectores existente. Trátase dunha rede de conducións por gravidade, na que é necesaria a construción dunha estación de bombeo co seu respectivo tramo de impulsión que leve as augas residuais ata a rede existente.

     As obras de saneamento consistirán principalmente na recollida de augas residuais, pero de xeito separativo para fecais e pluviais, para transportalas mediante colectores e impulsión ata o colector construído na primeira fase.

     As tubarias de impulsión realizaranse en PEAD PN-10 de 90 mm de diámetro,  a rede de saneamento en PVC SN-8 corrugado de 315 mm e 2.109 metros de lonxitude e os colectores de recollida de pluviais tamén en PVC SN-8 corrugado de 315 mm e 807 metros de longo. O pozo de bombeo executarase en formigón armado de 2,4x5 metros de planta e cunha profundidade de 3,25 metros. Incluirá cámara de chaves, aliviadeiro e cestón de grosos. A vertedura do mesmo realizarase mediante tubaria de PVC de 315 mm. Todas as instalacións van soterradas en zanxa, con recheo de material procedente da escavación, repoñendo o pavimento que resulte afectado ou derrubado na execución das obras.

     Segundo o goberno do PP, "con esta obra dámoslle un pulo importante ás nosas infraestruturas achegándonos á consecución do saneamento integral no noso concello e por riba de todo na zona da Ribeiriña e do Conchido, beneficiando aos seus veciños e que era un dos obxectivos fixados por este equipo de goberno e considerado como esencial xa que incide no benestar e na mellora da calidade de vida de todos nós".

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical