12.12.11

Ribeira: presentan a campaña "Panos brancos contra a droga"

  • Os principais actos terán lugar este venres 16 de decembro no polideportivo da Fieiteira
Media_httpwwwasociaci_dyhdu

Ribeira, 12 de decembro de 2011. A campaña que leva por lema “Tómate a Vida dunha Forma Diferente: Mil Razóns para Dicir Si á Saúde” ten coma obxectivo principal sensibilizar á poboación fronte aos problemas do narcotráfico e o consumo de drogas, ofrecendo á mocidade, por ser os/as máis sensibles ás adiccións, alternativas de lecer saudable como a práctica deportiva.

Por este motivo desenvolveranse diversas actividades que terán continuidade ao longo dos próximos meses:

− O próximo día 16 de decembro -venres- a celebración do Torneo Deportivo Panos Brancos entre alumnos de ESO dos centros escolares e institutos de Riveira e Vilagarcía, desprazados para ese efecto, e que terá lugar no polideportivo da Fieiteira. O obxectivo do torneo, no que haberá partidos de baloncesto e de fútbol, non é a competición en si mesma, senón fomentar a confraternización e o lecer saudable, compartido e en equipo.

− Lectura dun manifesto xuvenil a favor dunha vida libre de drogas. A dicotomía entre o modo de vida ao que leva o consumo de drogas e o que posibilitan uns hábitos saudables será o eixo central da declaración de intencións do alumnado, para quen dicir "non ás drogas debería ser a decisión máis fácil da vida".

− Exposición durante a celebración do torneo dunha gran bandeira branca contra a droga, para que poida ser asinada como compromiso dunha vida libre de drogas. Despois trasladarase a todos os centros escolares para ser asinada polos alunmado e finalmente convidarase a facelo a todos aqueles/as deportistas que queiran ratificar o compromiso e apoiar a campaña.

− Nos vindeiros meses, e especialmente coincidindo coa celebración do Día Mundial contra o Tráfico Ilícito e o Uso Indebido de Drogas (26 de xuño), realizaranse diversas actividades de sensibilización coa poboación en xeral e os centros escolares en particular.

Razóns para organizar esta campaña de sensibilización

A problemática asociada ó consumo de drogas resulta especialmente inquietante en comunidades como Galicia, na que se asentan numerosas e importantes redes de narcotraficantes. A magnitude do problema que enfrontamos resulta por todos coñecida; superar ou, cando menos, mitigar os seus efectos é un dos grandes retos da sociedade galega.

Dentro das estratexias orientadas a lograr a redución da demanda, destacan especialmente as accións de prevención e sensibilización social, que se revelaron como a máis eficaces para facer fronte á apatía, a banalización do consumo e o alto grado de permisividade e tolerancia que parecen haberse instalado na sociedade.

Panos Brancos contra Droga

Concibida como unha campaña de sensibilización social, Panos Brancos converteuse desde a súa primeira edición no maior e máis contundente movemento social de rexeitamento ás drogas e o narcotráfico, facendo unha aposta en positivo pola saúde fronte ós graves problemas que supoñen as adicións e o tráfico de drogas.

Promovida e organizada pola Fundación Galega Contra o Narcotráfico, a campaña desenvolveuse o longo destes últimos anos a través de diferentes actos públicos mediante os cales os cidadáns pronúncianse en contra da droga e as bandas criminais do narcotráfico, utilizando principalmente a simboloxía de panos e bandeiras brancas como icona visible do seu compromiso.

A campaña diríxese a toda a sociedade galega, con especial atención para o colectivo de mozos e mozas, un dos grupos máis vulnerables fronte a este problema e faise cada ano de xeito itinerante por diversas cidades de Galicia, sendo Riveira este ano o lugar escollido.

No desenvolvemento das diversas actividades que se levarán a cabo dende agora, e rematarán coa conmemoración do Dia Mundial contra o Tráfico Ilícito e o Uso Indebido de Drogas participan a Asociación Antidroga Renacer, Fundación Galega contra o Narcotráfico e o Concello de Ribeira.

Obxectivos:

− Aumentar o grado de concienciación e sensibilización social.

− Contribuír a previr futuros consumos e adiccións, especialmente entre os mozos.

− Incrementar o rexeitamento aos narcotraficantes, eliminando calquera atisbo de benevolencia e permisividade fronte a estes delitos.

− Ofertar un exemplo de comportamento e actitude positiva ante as drogas para mozos.

− Implicar de forma activa a toda a sociedade na tarefa de lograr a desaparición das drogas e o narcotráfico de Galicia.

Participantes:

A campaña deséñase en estreita colaboración con múltiples colectivos sociais, entidades e institucións que apoian e participan en todos os actos programados. Panos Brancos celebra este ano a súa quinta edición, contando co apoio de diversas entidades e institucións, como a FEGAMP, a Xunta de Galicia o Parlamento de Galicia.

Organizan:

Fundación Galega contra o Narcotráfico, Asociación Antidroga Renacer, Concello de Riveira e centros educativos de Riveira e Vilagarcía de Arousa.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical