18.7.11

Ribeira: o autobús turístico comeza os seus roteiros este venres 22 de xullo, de modo experimental durante un mes

  • Estará  en servizo de mércores a domingo e haberá dúas rutas distintas, só ata o 21 de agosto. Só será gratuíto para menores de 10 anos
  • Polo de agora será experimental e agárdase complementalo no futuro cunha ruta marítima pola Ría de Arousa

Ribeira, 18 de xullo de 2011.- “Ribeira, de todo para todos” será o eslogan do primeiro autobús turístico que se vai poder ver na contorna e que comeza a súa andadura este  venres 22 de xullo. Así o anunciou o concelleiro ribeirense de Fomento do Emprego, Comercio, Turismo e Pemes, Anxo Orellán.

Anxo Orellán destacou o carácter novidoso da iniciativa e tamén o seu carácter experimental, pois o goberno local traballa co obxectivo de que sirva de base para que en próximas edicións se poida ampliar o servizo e mesmo complementalo cunha ruta marítima coa que poder visitar os fermosos lugares e a gran riqueza con que conta a ría de Arousa. Coa posta en marcha do autocar preténdese ofrecer a visitantes e veciños a posibilidade de visitar algúns dos lugares con máis encanto e atractivo turístico do municipio. 

O vehículo funcionará  por un período dun mes, de mércores a domingo, en horario de 10 a 14 horas, tendo como punto de partida e regreso a estación de autobuses de Santa Uxía. Haberá dúas rutas que se irán alternando cada día e que se encargou de debullar a técnica Sandra Fernández. 

Itinerarios


Un primeiro itinerario visitará o miradoiro da Pedra da Rá, o parque periurbano de San Roque e o seu Centro de Interpretación Arqueolóxica, o Museo Etnográfico de Artes, o Dolmen de Axeitos, o miradoiro da Curota e o porto de Palmeira. 

A segunda ruta pasará polo Carreiro de Aguiño, a Casa da Costa / CIELGA (centro de interpretación do parque dunar), a Gran Duna, o Faro de Corrubedo, o porto de Corrubedo e a ermida e miradoiro de San Alberte. 

Non será un servizo gratuíto total, como se anunciara

Para que os usuarios teñan unha información o máis ampla posible, un guía vaise ocupar de explicar as peculiaridades de cada lugar.  O servizo terá  un custo de 3 euros salvo para os rapaces menores de 10 anos, que viaxarán gratuitamente. As entradas estarán á venta na oficina de turismo do Malecón, que conta cun horario ininterrompido de 9 da mañá a 9 da noite e que está pechada os luns. 

Durante a viaxe, e coa intención de facer máis levadeiros os traslados entre os diferentes lugares, os usuarios poderán ver diferentes vídeos sobre o concello. Entre eles, un vídeo sobre a lonxa ou unha fermosa curtametraxe elaborada polo Departamento de Turismo e aínda non estreada na que se amosarán os lugares máis representativos do concello a través do tempo.

Antes, en Certo:


Turismo: bus gratuito para coñecer o municipio


 


Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical