A xaqueca para algúns afectados por ela é como ter un cravo na testa Ribeira, 18 de xullo de 2011. A Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica (FMGMX) e o Concello organizan -dentro do proxecto A xaqueca: investigación, educación e prevención da cronificación, financiado pola Xunta de Galicia e o Fondo Social Europeo- unha charla informativa sobre a xaqueca: a enfermidade e o seu tratamento. A doutora Ana Sampayo –médico de atención primaria- impartirá esta conferencia o próximo 20 de xullo ás 19 horas no salón de actos do Conservatorio Municipal.
As xornadas centraranse en repasar as características principais desta doenza, o seu diagnóstico, tratamento e prevención, así como factores que poden influír no seu agravamento. Durante o acto, todos os asistentes poderán consultar aos expertos as dúbidas que poidan ter sobre o tema. Esta charla inclúese dentro dun conxunto de actividades que se están a realizar para acercar a investigación sobre a xaqueca á cidadanía coa finalidade de que coñezan a enfermidade, o seu tratamento e os estudos realizados pola FPGMX e outros organismos.
A xaqueca é unha enfermidade moi común, que consiste en episodios repetidos de dor de cabeza con outros síntomas acompañantes (náuseas, mareo, intolerancia da luz e sons e outros), afectando á súa calidade de vida en ocasións de forma moi importante, causando baixas laborais e alteración da vida social e familiar. Ademais, en ocasións asóciase a outras patoloxías (insomnio, ansiedade, depresión, fibromialxia) que empeoran aínda máis a situación dos pacientes. Estes factores condicionan a cotío a automedicación e contribúen a cronificación da dor. Este tipo de patoloxías, agravadas por factores psicolóxicos e físicos, están a aumentar en época de crise influídas polas tensións familiares e laborais.
Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica
Na FPGMX, organismo público dependente da Consellería de Sanidade, trabállase no diagnóstico e investigación de enfermidades xenéticas. Unha das enfermidades na que se está a investigar é a xaqueca ou hemicrania.
Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia
No hay comentarios:
Publicar un comentario