18.7.11

Ribeira: o Bng presentou unha moción para tratar no pleno o peche do IES Coroso

Media_httpfarm6static_wwega

Ribeira, 18 de xullo de 2011. O Bloque de Ribeira presentou unha iniciativa sobre o peche do IES Coroso e a súa incidencia no que, aseguran, é "un deterioro da calidade educativa no noso concello". Procederá o seu debate no vindeiro pleno municipal do 26 de xullo. A mesma tarde do venres pasado, 15 de xullo, recibiron a nova da admisión a trámite por parte do TSXG dun recurso contencioso administrativo presentado polas ANPAS dos IES de Coroso e Nª 1 contra o decreto e orde de peche do Centro educativo, "algo do que nos congratulamos por dar aval aos argumentos que aportan as ANPAS e que desde o BNG compartimos", explicaron os nacionalistas.

Como é habitual en Certo, publicamos íntegra a moción:

Xosé Luís Groveiro González, concelleiro do grupo Municipal do BLOQUE NACIONALISTA GALEGO (BNG) neste Concello, presenta a seguinte MOCIÓN diante do Pleno da CorporaciónMunicipal en relación co deterioro da calidade do ensino en Ribeira logo do peche do IES Coroso.
EXPOSICIÓN DE MOTIVOS:

Mediante decreto e Orde do 22 e 23 de xuño de 2011, a Consellería de Educación da Xunta de Galicia deu fin ás ensinanzas de ESO e Bacharelato no IES Coroso de Ribeira. Como puxeron en evidencia as múltiples manifestacións de alumnado, profesorado, pais e nais do IES Coroso pero tamén doutros centros e, en xeral, da cidadanía ribeirense, a decisión da Xunta de Galicia ten provocado unha xustificada alarma social da que o BNG de Ribeira participa. Alarma compartida porque a decisión da Xunta non está xustificada nin no fondo nin na forma en que foi levada a cabo. No fondo porque se pecha un centro público que estaba realizando unha recoñecida labor formativa, con alumnado suficiente e con perspectivas de seguir téndoo á luz dos datos demográficos. Péchase ademais provocando unha redución de prazas de ensino público e unha masificación nos demais centros públicos do concello co conseguinte deterioro da calidade do ensino. Na forma porque a Consellería oculta unha decisión tomada hai meses e obriga á inscrición no mesmo IES Coroso tanto ao alumnado do centro como ao dos centros de primaria adscritos. Concúlcanse, deste xeito, dereitos fundamentais de profesorado (forzado ao traslado), de pais/nais e alumnado que posteriormente se ve obrigado a buscar praza noutros centros aos que son adscritos en moitos casos de xeito forzoso por falla de prazas ou problemas de transporte.
Que o Dir. Xeral da Consellería anuncie o peche de Coroso en rolda de prensa o mesmo día que se convoca a Mesa Sectorial de Educación demostra o desprezo da Xunta cara a Comunidade Educativa e a sociedade de Ribeira.
Que a Xunta non convoque ningún novo ciclo formativo en Ribeira para o curso 2011/2012 demostra que a suposta mellora da FP é unha cortina de fume para ocultar a verdadeira razón do peche: a eliminación de prazas de ensino público, coa desculpa do aforro, mentres se aumentan o diñeiro, tamén público, destinado ao ensino privado.
Por todo o exposto, en consonancia coas demandas da comunidade educativa de Ribeira, e co obxectivo de recuperar o vindeiro curso os niveis de calidade do ensino no noso concello, o Grupo Municipal do BNG propón o seguinte
ACORDO

1.- Pedir da Consellería de Educación da X. de G. que se manteña a oferta de postos de ensino público de ESO e Bacharelato ampliando, se é necesario, a dos centros públicos existentes en Ribeira.
2.- Que o número real de alumnos por aula se manteña en torno aos 25 por aula e se permitan os grupos de apoio, reforzo educativo e atención á diversidade que razoadamente propoñan os Centros educativos.
3.- Que se dea solución aos problemas de transporte para que en ningún caso sexa esta causa de denegación do centro elixido.
4.- Que estes acordos sexan trasladados á Consellería de Educación en xuntanza con presenza de representantes da Comunidade Educativa do IES Coroso e do Alcalde de Ribeira.

Ribeira, 15 de xullo de 2011

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical