11.5.10

Noia: organizan unha andaina nocturna reivindicativa o 21 de maio para reclamar que a vila sexa porto xacobeo

Dende que se instaurou o Xacobeo, en 1993, para aproveitar o tirón dos Anos Santos Noia sempre foi ignorada

Noia, 11 de maio de 2010. O colectivo noiés que reclama o nomeamento de Noia como "Portus Apostoli" (Porto do Apóstol) organiza o vindeiro venres 21 de maio unha camiñata reivindicativa que partirá ás once da noite dende a Casa do Concello ata a praza do Obradoiro, pasando pola capela de Santa Rita (avogada das causas imposibles, como saben).

Segundo explican no grupo de Facebook, os camiñantes que se anoten irán en todo momento acompañados de Protección Civil e unha ambulancia. A inscrición custa dous euros, nos que se inclúen avituallamento e transporte de volta a Noia ao remate, así como unha camiseta co lema "Portus Apostoli" e a Cruz de Santiago que lle serve de logotipo.

Os interesados poden anotarse ata o día 20 (incluído). Os menores de idade deben ir acompañados dun adulto que se responsabilice deles. Os lugares para inscribirse son as oficinas de Noia Histórica e na Asociación de Actividades Empresariais de Noia.

Razóns da reivindicación

Entre as múltiples actividades culturais que se programaron este Ano Santo por parte da Consellería de Cultura da Xunta de Galicia están os "Portos Xacobeos". Como xa explicamos en Certo no seu día, nomeouse porto xacobeo ao chou, máis que por razóns históricas ou minimamente lóxicas. Que Ribeira, que non debeu ver pasar un peregrino nunca, a non ser que fora moi despistado, se considere porto xacobeo e Noia, lugar natural de paso hacia Fisterra dende Santiago e entrada ata o século XVI de boa parte das embarcacións galegas que comerciaban co Mediterráneo, cando a ría era máis navegable, clama ao ceo.

As pegadas do roteiro xacobeo por Noia son numerosas, a saber:

Laudas gremiais no exterior de Santa María a Nova

Hai unha lauda chamada do Peregrino, no almacén de laudas gremiais máis importante de Europa, en Santa María a Nova.

No pórtico da igrexa de San Martiño está a imaxe do Apóstol coa súa correspondente "venera" (vieira)

Houbo polo menos dous hospitais de peregrinos, os chamados Sancti Spíritus de Afora e Sancti Spíritus de Adentro

No libro de actas do concello de 1792 a 1843, consta entre as obrigas do hospital de "Afora" a de acoller os peregrinos que ían ou regresaban de Compostela, como explica o intelectual Clodio González, quen tamén apunta que o roteiro era pasando por A Torriña, A Rasa, San Paio, San Xusto de Toxosoutos, Cedofeito, Fontefría, O Martelo, O Codeso, Agrafoxo, O Castro, Urdilde, A Pedreira, Os Ánxeles, A Amaía (Bertamiráns), Vilestrexe, Roxos,  A Barcia, ponte dos Chouchiños sobre o Sar e Compostela. Xusto por onde vai a estrada que se comezou en 1852. Segundo este escritor, o porto de Noia foi o máis importante de Galicia xunto co de Pontevedra ata o século XVI. Nomes de navegantes coma o de Sebastián Ocampo (noiés que acompañou a Cristóbal Colón na súa segunda viaxe ás Indias e que foi o primeiro europeo en decatarse de que Cuba era unha illa) así o acreditan.

Nunha charla sobre este asunto dos roteiros xacobeos, Pedro García Vidal referiuse á carta foral de 1168 na que o nove de abril o rei de León -e de Galicia, aínda que se oculte- Fernando II autoriza ao arcebispo de Santiago a fundación da vila e restauración do Portus Apostoli. Baixo o reinado deste rei construíuse o Pórtico da Gloria e o camiño de Santiago comezaba a despuntar.

O historiador Xerardo Agrafoxo, tamén de Noia, explicou a chegada documentada de embarcacións cheas de peregrinos dende Inglaterra, e tamén falou de manuscritos de peregrinos que se conservan no mosteiro de Toxosoutos, agora en Lousame, por onde discorría a ruta xacobea que unía Noia e Santiago.

Club de lectura

Outra das iniciativas para recuperar a situación de Noia nos roteiros xacobeos é a formación dun club de lectura chamado "Noia, porto de Compostela" que xa organizou unha charla na que disertou o arquitecto Xerardo Estévez, que fora alcalde de Santiago e un dos grandes impulsores da recuperación do casco vello compostelano, modelo en Europa.

Posted via email from Certo.es, o xornal virtual de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical