17.7.10

Sanidade: denuncian que o Hospital da Barbanza ten o cuarto posto no ránking de peores indicadores de toda Galicia

o Hospital do Barbanza está 11 puntos por riba da media galega: os pacientes teñen que esperar 72 días fronte aos 61 da media nesta comunidade. Cardioloxía aumentou un 135% a espera.


A Pobra do Caramiñal, 17 de xullo de 2010. A secretaria de Sanidade da agrupación provincial do PSdeG-PSOE, Natividad González Laso, á vista dos datos do segundo trimestre do ano 2010, denunciou hoxe que o hospital do Barbanza “ocupa o cuarto posto no inaceptable ránking de peores indicadores dos hospitais galegos”. 

González Laso afirmou que, co goberno do Partido Popular, a espera media de Galicia,  para unha intervención cirúrxica, empeorou en 4 puntos pasando de 67 a 71 días. Tamén medrou, en 2.000, o número de pacientes en espera cirúrxica, incrementándose  en 8 dos 14 hospitais públicos, e dicir en máis da metade, e xa chegan a 36.180 persoas pendentes dunha intervención. 

Respecto das consultas, empeoraron 27 dos 34 servizos, é dicir o 80% e incrementouse en 10.183 o número de pacientes que agardan unha consulta, respecto a xuño de 2009, e  chegan xa a 203.753 pacientes.  

Por outra parte, un terzo dos hospitais públicos empeoraron os seus resultados (4 dos 14 hospitais) e nesta lista, é o Hospital da Barbanza o que ocupa o 4º posto "no triste ránking de indicadores", di a responsable de Sanidade da executiva provincial dos socialistas, que aclara que o número de pacientes que esperan por unha intervención cirúrxica no Hospital do Barbanza, "incrementouse un 6% respecto a xuño do ano 2009".


Destacan tamén os datos do servizo de Oftalmoloxía, que incrementou a espera nun 56% respecto do ano 2009, ou a cirurxía dixestiva, cun incremento da espera do 16%. 

Os socialistas criticaron a inequidade no acceso aos servizos para as persoas que teñan este Hospital de referencia, xa que a espera con respecto a 2009 medrou en 5 dos 7 servizos ofertados, e mesmo se ten duplicado o tramo de agarda entre 3 e 6 meses. Respecto das consultas: máis xente espera máis tempo. Así, o Hospital do Barbanza está 11 puntos por riba da media galega: os pacientes teñen que esperar 72 días fronte aos 61 da media galega.

"Empeoraron sete servizos: nomeadamente nefroloxía que incrementou a espera nun 170%, cardioloxía, 135%,  traumatoloxía nun 120%, otorrinolaringoloxía nun 92% cirurxía dixestiva nun 80% e sorprende a maquillaxe de xinecoloxía respecto ao de fai 3 meses", aclara Natividad González.

Todos estes datos apuntan, segundo os socialistas coruñeses, “a un vertixinoso deterioro da calidade asistencial na sanidade pública galega, nun só ano, debido ao abandono e incapacidade do goberno da Xunta”, que está a propiciar “un panorama desalentador e inaceptable” 

“Hoxe en Galicia hai máis xente (2.000 pacientes máis) esperando durante máis tempo para ser intervida cirúrxicamente, ou para dispor de diagnóstico e tratamento para a súa enfermidade (20.000 pacientes máis)”, afirmou González Laso, quen considera que, en materia sanitaria, o balance do primeiro ano de goberno de Núñez Feijoo “é nefasto, pois está a producir  un profundo deterioro do sistema público de saúde”.

Moción local

Pola súa banda, o grupo municipal socialista de A Pobra do Caramiñal presentou unha moción para ser debatida no vindeiro pleno. Esta moción refírese ao servizo de Xinecoloxía, que na súa opinión está a proporcionarse sen os medios necesarios, xa que só hai unha matrona que non pode cumprir as funcións dun médico xinecólogo ou dun obstetra.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical