19.3.13

Educación: institutos de Noia e Boiro e o colexio de Dodro, afectados por fortes reducións da Xunta

  • Denuncia CIG Ensino que en 123 centros de ensino de Secundaria (o 36,82% do total) o recorte supera o 9%

  • No colexio de Dodro o recorte pasa do 24%, igual que no IES "Campo de San Alberto" de Noia

Barbanza-Noia, 19 de marzo de 2013. Segundo un estudo feito pola CIG-Ensino a Consellaría de Educación recorta nun total de 21 centros de ensino de Secundaria máis dun 20% a partida destinada a gastos de funcionamento. De 334 centros de ensino de Secundaria, nun total de 123 -o que representa un 36,82 % do total de Institutos de Educación Secundaria, Centros Integrados de Formación Profesional e Centros Públicos Integrados - a porcentaxe de recorte nesta partida supera o 9%.

Boiro: afectado o Instituto da Espiñeira case nun 25%

No curso pasado, o IES boirense da Espiñeira tivo para gastos de funcionamento 82.052 euros, que este ano víronse rebaixados a 63.887, o que supón unha redución de máis de 18.000 euros, ou case o 25% (24'74%).

Noia: sácanlle ao instituto Campo de San Alberto 14.354 euros

Pola súa banda, este instituto, un dos dous que hai en Noia, tivo para gastos de funcionamento o curso pasado 124. 974 euros, que se viron reducidos a 110.620 euros, un 11,49% menos.

Dodro: máis de dez mil euros de redución, un 24'74% menos

Tamén na lista ofrecida por CIG Ensino aparece o centro de primaria e infantil "Eusebio Lorenzo Baleirón", que traballou o curso pasado con 41.572 euros e este ano terá que facelo con só 31.286, case un 25% menos de orzamento.

A CIG-Ensino xa denunciara que, no ano 2012, a partida destinada ao gasto de funcionamento destes centros foi de 31.108.000 de euros fronte aos 28.336.500 deste ano 2013. A este decrecemento do 9% respecto do ano 2012 habería que lle engadir o incremento dos prezos dos gastos que os centros teñen que facer fronte con esta partida, pois a calefacción, a luz, a auga, gastos de departamentos, material funxible, trasporte para actividades complementarias etc. tiveron unha suba importante en relación ao exercicio anterior.

Hai centros aos que aínda incrementando o número de alumnado redúceselle a partida destinada a gastos de funcionamento para este ano. A merma de diñeiro destinada a este concepto reduce a dotación de recursos en centros públicos en relación aos concertados.

CIG sinala que "a Consellaría con estes recortes persiste na súa cruzada contra o ensino público que impedirá o funcionamento normal dos centros e suporá un deterioro no desenvolvemento escolar e , mesmamente, na calidade do ensino”, denuncian. Hai que ter en conta que este esganamento faise aínda máis grave porque no ano 2012 os centros xa padeceron outro importante recorte na partida destinada a gastos de funcionamento e que estes recortes reduciran as partidas de moitos centros en máis de 20.000 euros.

“O PP non ten cancelas na súa política educativa de desmantelamento constante e de redución das necesidades dos centros públicos, mentres malgasta diñeiro público en satisfacer os seus postulados ideolóxicos, mediante o desvío de 240 millóns de euros ao ensino privado concertado, 3 millóns a centros que segregan alumnado por razón de xénero, 29 millóns para pagar profesorado de relixión, máis de 200.000 euros extra para os centros concertados, destinados a servizos que non teñen os centros públicos”, denuncia CIG-Ensino.

"Cada día, a consellaría de Educación anuncia un novo recorte no ensino público. Despois da ampliación do copago nos comedores escolares, da redución do profesorado, da redución de orzamento para a consellaría de Educación, etc., agora, vén este recorte polo que moitos centros terán serias dificultades para o seu funcionamento diario. A CIG-Ensino esíxelle ao PP que analice a súa obsesión de desmantelar o ensino público porque isto supón, entre outras cousas, o incremento das desigualdades sociais e, polo tanto, que as consecuencias as paguen os oprimidos e os explotados", sinalan dende este sindicato.

Recortes Educación.pdf Download this file

Recortes_ensino

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical