23.7.11

Ribeira: déronlle estrea ao novo autobús turístico

  • Hoxe foi só para asociacións e políticos. O día 27 entrará en funcionamento para os usuarios interesados
  • O alcalde veuse arriba e dixo que "Ribeira ostenta despois de Santiago de Compostela a cabeceira da potencialidade turística de Galicia ao contar cun parque nacional e un parque natural"
Ribeira, 22 de xullo de 2011.- O Autobús Turístico comezou a súa andaina esta mañá cunha ruta inaugural na que participaron membros de distintas asociacións e clubs de xubilados do municipio, así como membros da Corporación Local.  

O alcalde Manuel Ruiz Rivas foi o encargado de abrir este servizo e explicarlles aos pasaxeiros o obxectivo perseguido polo Executivo local con esta iniciativa, pioneira no contorno. “Queremos facer de Ribeira un lugar máis visitado, no que a xente se sinta cómoda non só para vivir senón tamén para poder disfrutar da súa potencialidade turística”, declarou. Abundando nesta liña, Ruiz Rivas tamén indicou que na súa opinión Ribeira "ostenta despois de Santiago de Compostela a cabeceira da potencialidade turística de Galicia ao contar cun parque nacional e un parque natural". 

Sobre a posta en marcha do novo servizo, o alcalde comentou que ante a premura con que se organizou a acción, o de este verán é un preludio dun proxecto máis ambicioso que se implantará o ano que ben, e que pretende incluír tamén unha ruta marítima en catamarán. 

Durante o percorrido (máis curto que o das dúas rutas regulares que se porán en servizo en días alternos) os viaxeiros puideron visitar distintos puntos de interese turístico, como o miradoiro da Pedra da Rá e o parque periurbano de San Roque do municipio, e visionar unha nova curtametraxe sobre os recursos turísticos da comarca, ademais doutro sobre a nova lonxa.

Viaxes a tres euros

O vehículo comezará a funcionar para os pasaxeiros o vindeiro 27 de xullo. Xa hai un grupo de membros da Asociación Ámbar que reservaron para este día. O servizo terá un custo de 3 euros salvo para os rapaces menores de 10 anos, que viaxarán gratuitamente. As entradas estarán á venta na oficina de turismo do Malecón, que conta cun horario ininterrompido de 9 da mañá a 9 da noite e que está pechada os luns. 

De mércores a domingo

O servizo funcionará de mércores a domingo, en horario de 10 a 14 horas, tendo como punto de partida e de regreso a estación de autobuses de Santa Uxía. Haberá dúas rutas. Un primeiro itinerario visitará o miradoiro da Pedra da Rá, o parque periurbano de San Roque e o seu Centro de Interpretación Arqueolóxica, o Museo Etnográfico de Artes, o Dolmen de Axeitos, o miradoiro da Curota e o porto de Palmeira. 

A segunda ruta pasará polo Carreiro de Aguiño, a Casa da Costa / CIELGA (centro de interpretación do parque dunar), a Gran Duna, o Faro de Corrubedo, o porto de Corrubedo e a ermida e miradoiro de San Alberte. 

Para que os usuarios teñan unha información o máis ampla posible, un guía explicará as peculiaridades de cada lugar.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical