Barbanza-Noia, 22 de xullo de 2011. Desde a súa primeira aparición pública, durante a pasada edición do Achegarte na cidade da Coruña, o proxecto de xestión cultural Tinta de Lura leva percorridos xa varios centos de quilómetros para amosar os seus produtos e explicar o seu proxecto en canto encontro cultural se celebra en Galicia nestas datas.
Agora preséntanse tamén na rede, no enderezo www.tintadelura.com, sitio no que se diferencia por unha banda a tenda en liña e por outra o espazo de dinamización cultural.
Deste último espazo, os promotores salientan primeiro o apartado dedicado aos escritores e escritoras que colaboran con eles no que de momento é o seu produto estrela, as camisolas literarias, unhas prendas que ademais de deseños locen como lenda os versos de poetas galegos de todos os tempos. Tinta de Lura recorda que un dos obxectivos dese produto é axudar á visibilización da literatura galega, polo que a ideaba ficaba incompleta mentres non aparecese na rede o espazo que lle dedican a eses autores colaboradores no que elaboran un breve perfil da súa obra e achegan todo tipo de información que axude a difundir as súas creacións.
Oportunidades para creadoras e creadores
Ademais deste espazo, destaca tamén a axenda cultural, destinada a promover fundamentalmente a oferta cultural proveniente do asociacionismo e de todo tipo de pequenas entidades, como salas ou mesmo bares, iniciativas que loitan duro para ofrecer boas programacións ao público e oportunidades para os creadores e creadoras. Desde este sector lévase a cabo un enorme esforzo cuxos resultados polo xeral merecen transcender os ámbitos locais aos que decote se ven restrinxidos. Neste espazo, serán as propias entidades quen inclúan as diferentes actividades na propia axenda. O único que deberán facer para isto é contactar co equipo de Tinta de Lura que lles entregará unhas breves instrucións para subir a información na páxina. Desde Tinta de Lura cren que visibilizar toda esa actividade, sobre a que polo xeral se deita unha visión moi fragmentaria, pode axudar tamén a resituar a impresión sobre unha sociedade civil galega moito máis creativa e dinámica do que ás veces pode parecer.
Precisamente con ese enfoque nace a primeira categoría do blog, que é o terceiro pé deste espazo de dinamización cultural. Baixo o lema de Xira da Lura Moinante, os membros da iniciativa irán dando novas cada fin de semana das actividades que visitan, co que pretenden que no remate do verán ter completado un bo tapiz das iniciativas que sobre todo neste tempo se estenden pola xeografía galega.
Este blog inaugúrase ademais cunha entrevista á cantante é compositora Sés, en vésperas da aparición do seu primeiro disco.Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia
No hay comentarios:
Publicar un comentario