4.11.10

Barbanza-Noia: o delegado territorial da Xunta en Coruña, Diego Calvo, di que os orzamentos para a zona "crearán emprego"

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas investirá 14,6 millóns de euros en infraestruturas viarias, entre as que destacan a conexión do corredor Brión-Noia coa estrada AC-550 en Taramancos, que contará cun investimento de 7,8 millóns de euros, e a mellora do firme na estrada AC-550 en Muros, con 4,7 millóns de euros de inversión

Augas de Galicia consigna unha partida orzamentaria de 7,4 millóns para o saneamento integral das rías. En Muros, o ente autónomo destinará 1,5 millóns de euros para a mellora das infraestruturas hidráulicas; en Porto do Son, 1,9 millóns de euros nos colectores das EDAR de Tarrío e Porto do Son, e en Ribeira, as obras de saneamento contarán cunha partida de 1,3 millóns de euros

Portos de Galicia acometerá traballos de mellora e ampliación das instalacións portuarias por importe de preto de 4,5 millóns de euros en nove concellos da comarca, entre os que destacan os 1,6 millóns para a dársena de Muros e os preto de 500.000 euros para a ampliación do porto noiés

En materia social, o delegado lembrou que a Consellería de Traballo e Benestar destinará 106 millóns de euros en toda a provincia para políticas activas de emprego e 152 millóns en materia de benestar


Diego Calvo, nunha foto de arquivo

Boiro, 4 de novembro de 2010.- O delegado territorial da Xunta na Coruña, Diego Calvo, destacou esta mañá en Boiro que estes investimentos “ademais de impulsar as infraestruturas, permitirán a creación de moitos postos de traballo na comarca do Barbanza”, o que favorecerá á mellora da actividade económica na zona nun momento de crise.

Así, a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas investirá 14,6 millóns de euros en infraestruturas viarias na comarca durante o próximo ano. Destacan os 7,8 millóns de euros da conexión do corredor Brión-Noia coa estrada AC-550 en Taramancos e que permitirá mellorar as comunicacións con Santiago de Compostela, e os 4,7 millóns de euros para o reforzo do firme e optimización da sinalización na AC-550 en Muros, que se realizará con cargo aos fondos da Sociedade Pública de Investimentos. A adecuación da AC-303 entre o Hospital Comarcal e Corrubedo, terá tamén unha partida da Consellería de 114.000 euros.


Zona da Ribeiriña, na Pobra do Caramiñal

O organismo autónomo Augas de Galicia consigna no próximo exercicio unha partida orzamentaria de 7,4 millóns para o saneamento integral das rías. En Muros, o ente autónomo destinará 1,5 millóns de euros para os colectores e as estacións depuradoras de Muros e Esteiro, así como para a mellora das infraestruturas hidráulicas en varias rúas da vila. En Porto do Son hai unha partida de 1,9 millóns para os colectores e as depuradoras de Tarrío e Porto do Son. En Ribeira, os traballos de saneamento, que inclúen actuacións nos colectores xerais de Ribeira e Corrubedo e a creación dunha liña independente dende Pantín ata o bombeo de Pedra Patieira, contarán cunha partida de 1,3 millóns de euros. Augas de Galicia tamén recolle un investimento de 466.000 euros no saneamento da Ribeiriña, en A Pobra, e 360.000 euros para o de Leiro e Isorna, en Rianxo, entre outras actuacións. Calvo lembrou que a mediados deste mes comezarán as obras da segunda fase de saneamento no río Coroño, en Boiro. Augas de Galicia vén de adxudicar estes traballos por un importe de 730.500 euros. O obxectivo é instalar unha rede de colectores residuais nos núcleos de Mieites, Comoxo e A Cuncheira.

Portos de Galicia contempla un investimento de preto de 4,5 millóns de euros para traballos de ampliación e mellora das instalacións portuarias de nove concellos da comarca. Destacan os 1,7 millóns de euros para a ordenación interior de atraques no porto de Muros e os preto de 500.000 euros para a ampliación das instalacións para embarcacións menores no de Noia. En Boiro, o investimento de Portos alcanzará os 650.000 euros, dos que 310.000 corresponderán á remodelación dos atraques no porto de Escarabote.

Pola súa banda, o investimento da Consellería do Mar na comarca para 2011 ascende a 1,4 millóns de euros e contempla actuacións nas instalacións dos servizos de Gardacostas; relativas á mellora do servicio de salvamento e loita contra a contaminación en Ribeira e Porto do Son e tamén vinculadas a ensinanzas náutico-pesqueiras.

Durante a súa visita a Boiro, o delegado lembrou que a todas estas cifras hai que engadir os 106 millóns de euros que destina a Consellería de Traballo en toda a provincia a políticas activas de emprego ou os 152 millóns de euros en materia de Benestar.

“Todas estas actuacións –sinalou- teñen como obxectivo primordial dar resposta as principais demandas dos concellos, impulsando proxectos clave para a comarca como o corredor Brión-Noia e a variante de Noia, o saneamento integral das rías ou as intervencións en materia portuaria”. Trátase, en definitiva, de mellorar a calidade de vida dos veciños do Barbanza e “xerar novas oportunidades e postos de traballo cun investimento eficiente e realista”.

Neste senso, Calvo gabou o esforzo realizado pola Xunta para coordinar aos distintos departamentos e cadrar con eles unhas contas “coherentes, sustentables, austeras e pegadas ao actual momento económico, nas que quedan garantidas a continuidade dos proxectos prioritarios do Barbanza”. Calvo lembrou tamén “o recorte de 1.177 millóns de euros por parte do Goberno central nos fondos que lle correspondían a Galicia”.

Visita CEIP Santa María do Castro en Boiro
Na visita ao CEIP Santa María do Castro, onde estivo acompañado pola xefa de Educación, Teresa Villaverde, polo alcalde de Boiro, Xosé Deira, e outros membros da corporación, Diego Calvo puido comprobar o resultado dos traballos realizados durante os meses de verán que, cun investimento de preto de 95.000 euros, permitiron reparar e substituír a cuberta do polideportivo do centro.

O delegado lembrou que Educación investiu 352.000 euros para a realización de traballos de mellora en cinco centros de ensino de Boiro durante o verán. Ademais do CEIP Santa María do Castro, no CEIP de Praia Xardín realizáronse traballos de adecuación do patio infantil; no CEIP de Escarabote, a construción de aseos en tres aulas de Infantil; no CEIP de Cespón, o acondicionamento do patio de xogos, e no IES Praia de Barraña, a substitución da carpintería exterior e a reforma dos vestiarios.
En total, na comarca do Barbanza, Educación investiu preto de 1,6 millón de euros en traballos de renovación e mellora nos centros de ensino. Calvo destacou que estas actuacións permitirán que os máis pequenos “poidan desenvolver as súas actividades nas mellores condicións” e, ao mesmo tempo, dar resposta ás necesidades do centro e ás demandas de pais e educadores.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical