Manuel González é o responsable comarcal do Bng Muros-NoiaLousame, 8 de outubro de 2010. O BNG da comarca de Muros e Noia indica nunha nota de prensa "a súa preocupación pola situación que se está a producir na planta de tratamento de residuos de Lousame e que lle afecta á recollida do lixo de varios dos concellos así como ao emprego de ducias de persoas da comarca". Segundo os nacionalistas da bisbarra Muros-Noia, "debemos lembrar que a construción de dita planta foi impulsada pola decisión de varios concellos agrupados logo na Mancomunidade Serra do Barbanza sendo o BNG un dos principais artífices da mesma. A súa construción foi posíbel grazas a consecución de fondos europeos e non tivo aporte económico algún –ao contrario que a planta de SOGAMA en Cerceda- por parte da Xunta de Galicia, gobernada naquel momento por Manuel Fraga. A aposta pola separación de residuos e a reciclaxe foron os principais motivos para a súa posta en marcha. Hoxe podemos ver o acerto daquela decisión e esta planta funciona de xeito eficiente sendo, ademais, a que máis recicla no Estado Español. O contraste coa planta de SOGAMA é claro, xa que nestes momentos está en situación de colapso e utiliza ademais unha tecnoloxía pouco limpa (incineración)". Diante dos problemas económicos de dita planta, dos que xa informamos nestes días, o BNG reclámalle á Xunta de Galicia que se comprometa a dar o seu apoio para o mantemento da mesma, ao igual que fai co modelo SOGAMA. En concreto solicitan da Xunta de Galicia:
- Que se estableza unha dotación económica anual para o funcionamento da planta para evitar o agravio comparativo con SOGAMA.
- Que inste á empresa ECOEMBES a recoller todos os materiais reciclados que lles correspondería segundo a Lei de Envases 11/1997. A decisión unilateral de ECOEMBES de deixar de recoller unha parte deste material afecta especialmente a aquelas plantas que máis reciclan, como é o caso da da Mancomunidade, coa conseguinte redución de ingresos.
- Que faga as xestións necesarias para facilitar a amortización da débeda que varios concellos da comarca manteñen coa concesionaria.
Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia
No hay comentarios:
Publicar un comentario