Lage Tuñas presentou unha Proposición non de Lei para que a Xunta adopte decisións que permitan manter máis de cen postos de traballo
Lousame, 11 de outubro de 2010. O deputado do PSdeG-PSOE José Manuel Lage Tuñas vén de presentar unha serie de iniciativas parlamentarias para interesarse pola situación da planta de tratamento de lixo da Mancomunidade Serra do Barbanza, sita en Lousame. Explica que diante da situación de risco pola que atravesa a planta de tratamento de lixo da Mancomunidade Serra do Barbanza, situada en Servia (Lousame), os socialistas galegos consideran "urxente a mediación e o apoio da Xunta de Galicia".
Na Proposición non de Lei ínstase á Xunta a adoptar decisións que permitan manter máis de cen postos de traballo que existen na actualidade arredor desta planta de tratamento de lixo. Asegúrase que "sendo conscientes do óptimo funcionamento da planta e do número de empregos que ten xerado, dende o PSdeG-PSOE entendemos prioritario que o poder político galego se implique na súa defensa".
"Para nós é fundamental garantizar a viabilidade da planta e os empregos existentes”, afirma Lage Tuñas. Ademais di que os socialistas galegos apostan dende os concellos pola planta de reciclaxe e compostaxe da Mancomunidade Serra do Barbanza e van seguir defendendo o seu funcionamento e os empregos existentes
O deputado do PSdeG considera que "a Xunta ten na súa man a mediación con Ecoembes e tamén pode tomar medidas que contribuían a consolidar esta planta". “A Mancomunidade Serra do Barbanza e os concellos nela participantes están facendo os deberes e pola súa parte hai esforzo para manter vivo un proxecto que fixo viable unha alternativa à incineración pura e dura”, concluíu Lage.
Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia
No hay comentarios:
Publicar un comentario