Neira Vilas na Feira do Libro da Habana de 2008
Vigo, 23 de febreiro 2010.- O conselleiro de Cultura e Turismo, Roberto Varela participou hoxe na reunión do Padroado da Fundación Laxeiro e posteriormente entregou a Xosé Neira Vilas o Premio Laxeiro 2010. Roberto Varela gabou a carreira do galardoado, afirmando que “é un dos grandes nomes da nosa cultura, para min e para todos os que na Xunta de Galicia traballamos en prol da nosa cultura, el será sempre un referente literario, intelectual e, sobre todo, humano”. O conselleiro de Cultura e Turismo resaltou as afinidades entre o premiado neste 2010, Xosé Neira Vilas e José Otero Abeledo, máis coñecido como Laxeiro, “por compartir o don extraordinario de repropoñer en formas aparentemente simples, inmediatamente comunicativas, toda unha tradición cultural” así como posuír “a cualidade rara e preciosa, de creadores verdadeira e sentidamente populares”. “As afinidades, non tanto electivas coma biográficas e circunstanciais, entre estas dúas figuras clave do noso século vinte, comezan pola súa relación con Galicia, unha relación a miúdo mediada pola distancia da emigración. Laxeiro e Neira Vilas coñecéronse de feito, moitos saberédelo xa, fai case sesenta anos, na biblioteca do Centro Galego de Bos Aires”, engadiu o representante de Cultura. Roberto Varela recordou que “moitas das figuras fundacionais do noso presente identitario e cultural, por circunstancias históricas, residiron durante longos anos lonxe de Galicia, pero, esa distancia, dolorosa distancia ás veces, foilles tamén de axuda nalgún momento no seu quefacer creativo. Se cadra permitiulles albiscar a necesidade de reinterpretar continuamente a tradición, fíxolles comprender que a identidade dun pobo coma o noso compre refundala cada día a través da lingua e da arte”.
Para Roberto Varela a creación da Fundación Laxeiro a finais dos anos noventa supuxo “un impulso decisivo neste exercicio de memoria histórica” e o traballo que están a levar a cabo os seus responsables en múltiples ámbitos (expositivo, didáctico, de investigación) “contribúe de xeito notable non só á difusión da obra de Laxeiro senón tamén a promoción de toda a cultura contemporánea galega”. Nesta liña o representante de Cultura recordou fitas coma a recente presentación do catálogo universal da obra do pintor, “constitúen propostas de altísimo nivel, proxectos esenciais dentro do panorama cultural do noso país”. Encanto as iniciativas como a creación do Premio Laxeiro constitúen, segundo Roberto Varela, “unha importante tarefa de divulgación e resultan fermosas e necesarias”. Neste senso, Roberto Varela subliñou que Laxeiro era “xustamente, un creador preocupado pola permanencia do seu extraordinario legado artístico, cultural e humano”. O conselleiro de Cultura e Turismo considerou que o valor deste Premio, que chega xa á súa sétima edición, “é o de reivindicar non xa a obra senón o espírito mesmo de Laxeiro a través de persoeiros fundamentais da nosa culturas e as nosas artes, persoeiros que de formas diversas séntense próximos a este espírito”.
Posted via email from Posterous de Certo, o xornal virtual de Barbanza e Noia
No hay comentarios:
Publicar un comentario