O próximo día 6 de marzo comeza o Xacobeo Raíces co ciclo Concertos Cantigas do Camiño. Vanse realizar 12 concertos en cidades e vilas galegas e un recital especial en Madrid, cun total de 25 artistas e agrupacións galegas. Rianxo terá no seu auditorio un concerto de Uxía xunto con Leilía o 22 de maio.
A páxina web de Uxía é http://www.uxia.netRianxo, 23 de febreiro de 2010.- Xacobeo 2010 presentou o ciclo Xacobeo Raíces, unha escolma do mellor da música galega contemporánea no que participan 25 artistas e grupos galegos. Pretende ofrecer unha serie de espectáculos de altísimo nivel, con producións técnicas exquisitamente coidadas. Para este obxectivo, reuniranse profesionais cunha formación académica contrastada e dunha sólida traxectoria tanto no ámbito da composición como sobre os escenarios. Cada proposta artística aspirará a sorprender cunha actuación interesante e única. A aposta do Xacobeo 2010 é amosar o intenso traballo de busca creativa, de orixinalidade dos nosos artistas, intentando ofrecer algo diferente e novo. Con esta iniciativa trátase de reivindicar a nosa expresión autóctona, única no mundo. Os artistas que conforman o cartel de Xacobeo Raíces poden considerarse embaixadores da cultura galega, cunha recoñecida traxectoria da súa proposta musical en grandes festivais europeos, salas e teatros de toda América. Xacobeo 2010 posibilita este achegamento á música galega de exquisita riqueza nunha programación popular, atractiva e variada, aseveran dende a Xunta de Galicia. Xacobeo Raíces e o ciclo Concertos Cantigas do Camiño comezan a súa viaxe por Galicia o próximo día 6 de marzo. En total vanse realizar 12 concertos en cidades e vilas galegas e un concerto especial en Madrid, cun total de 25 artistas e agrupacións galegas. Os concertos vanse prolongar durante máis de 3 meses. Cada sábado, dende o día 6 de marzo ata o día 6 de xuño, poderemos asistir a unha programación ecléctica e diversa con prezos populares. O sábado 22 de maior será a cita de Leilía e Uxía en Rianxo.
D + Libro Cantigas do Camiño
Cantigas do Camiño é un proxecto colectivo en forma de disco conxunto que recolle en cada canción unha busca creativa complexa, necesaria para compoñer unha obra inspirada e relacionada co Camiño de Santiago. Esta visión da música do Camiño de Santiago é herdeira de centos de anos de tradición musical, pero tamén é unha proposta persoal e contemporánea. Os artistas participantes neste disco constitúen unha magnífica representación da música de Galicia, unha música única no mundo, con personalidade e son de seu. A iniciativa foi posible grazas á colaboración e esforzo dos artistas que teñen creado cada canción especialmente para este disco e tamén de todos os profesionais, fotógrafos, ilustradores, técnicos e enxeñeiros de son que participaron nas gravacións. O próximo mes de marzo sairá o disco Cantigas do Camiño no que participan 13 artistas galegos: Susana Seivane (Camiño longo), Faltriqueira (Ultreia et suseia), Guadi Galego & Vaamonde, Lamas e Romero (Dum Paterfamilias), Uxía (A casa da xente), Leilía (1000 camiños), Luar na lubre (Romance de Don Gaiferos), Sondeseu (Amence no camiño - Alborada de Pontecaldelas), Fuxan os ventos (Camiño de romaría), Treixadura (Foliada de Santiago), Milladoiro (O camiño), Bonovo (A ruta esquecida), Emilio Rúa (Crenzas) e Berrogüetto (Indosesta). O proxecto Cantigas do Camiño, será accesible fisicamente en dous formatos de diversa edición. Poderá adquirirse o disco máis un libro escrito en galego, español e inglés, nunha edición de luxo de 90 páxinas con ilustracións, textos arredor do Camiño de Santiago, fotos e letras de cada unha das cancións dos artistas participantes
Asemade, editarase un CD en formato estándar, que será distribuído en exclusiva en máis de 400 supermercados, a un prezo especial de 4.95€.
Posted via email from Posterous de Certo, o xornal virtual de Barbanza e Noia
No hay comentarios:
Publicar un comentario