- O equipo de goberno tamén acordou facer unha normativa para matrimonios civís: casarán de balde de luns a venres e cunha taxa de 100 euros os sábados
Ribeira, 14 de febreiro de 2012.- O Concello ten previsto activar as medidas oportunas con vistas a clarexar a situación xurídico-patrimonial da área de Couso -monte situado ao extremo sur do Parque Natural Complexo Dunar de Corrubedo e Lagoas de Carregal e Vixán-, ao obxecto de continuar cos traballos de actualización do Inventario Municipal de Bens. Así o decidiu o Equipo de Goberno Municipal na súa reunión semanal dos martes.
A este respecto, cómpre salientar que nos últimos tempos vense observando unha proliferación de incidentes de titularidade na área de Couso, no sentido de que se está a detectar unha incipiente división do monte con estacas e fíos e, incluso, con pequenas construcións aparentemente encravadas dentro dos seus límites.
Hai que recordar que o monte, de 71 hectáreas de superficie, está declarado en case a toda a súa totalidade de utilidade pública (existe a excepción de dous encravados no seu interior que suman entre eles unha hectárea de extensión), o que o fai inalienable, inembargable e imprescriptible.
Sen embargo, a situación reviste maior complexidade, xa que nos anos 40 do século pasado, parte destes terreos foran cedidos temporalmente a familias do entorno para que puideran facer uso dos mesmos para a produción de bens de alimentación e sustento.
A intención do Executivo Local é clarificar a situación para impedir que algúns veciño se vexa sorprendido por considerar de titularidade privada un terreo que é municipal, polo que o Goberno considera indispensable proceder ao deslinde e catalogación catastral correcta do monte Couso. A este respecto, acordouse solicitar ao Servizo Provincial de Montes un informe sobre a situación, documentación obrante, planos e ocupación desta zona.
Matrimonios civís
Outros dos asuntos considerados na reunión de hoxe foi a da elaboración dunha ordenanza que regule a celebración de matrimonios civís: norma que está previsto someter á aprobación inicial no pleno ordinario de febreiro.
Os interesados deberán acudir á Secretaría de Alcaldía para reservar data e hora do enlace, o que fará por rigoroso orde de solicitude.
A celebración da voda será gratuíta se se fai de luns a venres, mentres que os sábados, os interesados deberán abonar unha taxa de 100 euros.
Os contraentes terán reservada praza de aparcamento no entorno da Casa Consistorial e se permitirá tanto a realización de reportaxes fotográficas e enlaces de vídeo como a colocación de adornos florais e outros obxectos habituais neste tipo de eventos.
Unha vez realizada a cerimonia na Casa do Concello e levantada a correspondente acta, poderá requirirse a repetición do acto nun lugar externo ao Consistorio, razón pola cal deberá abonarse unha taxa adicional de 100 euros.
Seguridade e convivencia cidadá
Doutra banda, os membros do Executivo acordaron que, co fin de crear unha ordenanza de seguridade e convivencia cidadá, se tome como documento base a ordenanza do mesmo título aprobado pola Federación Española de Municipios e Provincias. Dito documento será sometido a estudo e revisado a fin de presentar unha proposta adaptada en xunta de portavoces da Corporación, A intención é que no prazo dun mes estea a exposición pública o documento consensuado para recibir as suxestións dos cidadáns.
Tamén se pretende elaborar outra ordenanza sobre participación cidadá.
Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia
No hay comentarios:
Publicar un comentario