9.2.11

Noia: as actividades do Entroido irán do venres 4 de marzo ao Día do Enterro da Sardiña, o mércores 9

Uns nove mil euros en premios entre o festival de Dragqueens, o concurso infantil e o Rally París-Dakar


O último día de Entroido en Noia cadra co enterro da sardiña, este ano o 9 de marzo

Noia, 9 de febreiro de 2011. O programa de Entroido de Noia presentouse onte. Como en ocasións anteriores, o concelleiro de Cultura, Festexos e Mocidade, José Manuel Canabal, e o técnico de Cultura, Ramón Vidal, debullaron as actividades que se van desenvolver na semana que dura.

Venres, 4 de marzo: dragqueens


A actividade principal, e que diferencia nomeadamente a Noia doutros entroidos de Galicia, é o concurso de Drag Queens, que cumpre xa a súa oitava edición e abre o programa o mesmo venres 4 de marzo. Celébrase a partires das dez e media da noite nunha carpa instalada na Alameda. Presentado polo humorista J.M. Puente, alias "Isi", no certame cada participante deberá facer unha coreografía e tamén haberá unha performance.

O mellor concursante levará 700 euros e o título Miss Drag Queen 2011. A primeira dama farase con 400 euros, a segunda con 300, a terceira con 200 e con 100 a cuarta dama. Para inscribirse e recoller as bases (que colgaremos en vindeiras datas) hai de prazo ata o mesmo día do concurso, o 4 de marzo.


Isi (José Manuel Puente) é un recoñecido humorista da TVG

Luns, 7 de marzo

Xa o luns, 7 de marzo, celebrarase o concurso infantil de entroido, no pavillón Rosalía de Castro, ás seis da tarde. Os nenos que teñan 10 ou máis anos en competición deben participar tamén no desfile, que vai saír da rúa do Curro ás cinco e media da tarde.

Haberá premios por categorías, segundo os participantes vaian a título individual, en parella ou en grupo.

Martes, 8 de marzo

É outro dos días máis grandes do entroido noiés. Tarde de choqueiros: entre as cinco e as oito da tarde, na praza do Tapal. Animación, obradoiros de maquillaxe e outros, cata de produtos típicos do entroido para os que vaian disfrazados e música. No paseo marítimo, ás oito da tarde, orquestra.

Pola noite, ás nove e media, comeza a vixésima edición do Rally París-Dakar. Sae de San Lázaro e ten premios ben interesantes monetariamente falando: 1.500 euros para o primeiro; 1.000 o segundo; 700 o terceiro; 500 o cuarto e 300 o quinto. A maiores, premio especial ao concursante máis animad@ e simpátic@, dotado con 500 euros. Tamén hai laconadas e cinco mencións especiais.

Mércores 9 de marzo: Enterro da Sardiña

O loito queda para o último día. Será ás sete da tarde na Praza do Tapal. Para mollar as penas, chocolate, e para apagar os choros, churros. Ás oito e media da tarde, condución do cadaleito ata o paseo marítimo.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical