9.2.11

Porto do Son: a Xunta corríxelle ao Concello varios aspectos para a instalación do tanatorio

Debe manterse o estado natural dos terreos no 50 % do solo da parcela onde se quere situar e adaptarse á normativa vixente en materia de incendios forestais, así como as prescricións do Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais do distrito IV Barbanza

Porto do Son, 9 de febreiro de 2011.- A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas enviou esta mañá ao Concello de Porto do Son un informe previo á aprobación definitiva do Plan especial de infraestruturas e dotacións para a implantación dun tanatorio municipal no lugar de Tarela. Neste documento, indícanselle ao concello as correccións que debe abordar no documento de planeamento. Neste informe especifícanselle que debe manterse o estado natural dos terreos no 50% da parcela onde se pretende ubicar un tanatorio municipal, tal e como indica a Lei do Solo, onde se expecifica que os plans especiais de dotación en solo rústico deben manter a metade do mesmo en estado natural, co fin de integrarse no solo rústico no que se atopan
.
O proxecto enviado por este concello non cumpre esta premisa, dado que a suma das superficies destinadas a viarios, aparcadoiro e edificación supón 4.935 m2 de solo, é dicir, un 80% da súa superficie, situación que se debe correxir.

O terreo ao que se fai referencia destinarse á construción dun tanatorio; polo que se subdivide en varias zonas segundo o destino concretado polo plan especial: 1.231 m2 a espazo libre, 1.477 m2 a tanatorio, 2.432 m2 a aparcadoiro e 1.026 m2 a ampliación da rede viaria.

A Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo logo de analizar a documentación considera que o emprazamento desta infraestrutura funeraria está contigüa á principal área dotacional do núcleo, na que se sitúa o cemiterio e a igrexa parroquial. Así mesmo, o proxecto prevé, en canto a accesos viarios, a ampliación só no contorno inmediato da parcela, mentres que as previsións do plan xeral en tramitación darán lugar á ampliación do viario de acceso.

Máis correccións

Cabe sinalar que a ordenanza das normas subsidiarias municipais aplicable ao ámbito do plan especial é a de solo non urbanizable de protección agropecuaria, no canto da de sistema xeral de equipamentos, que é de aplicación aos sistemas delimitados polas propias normas subsidiarias municipais, polo que cómpre corrixir o que ao respecto figura no documento remitido porlo concello de Porto do Son.

Noutro orden de cousas, o plan especial deberá contemplar a adaptación á normativa vixente en materia de incendios forestais, así como as prescricións do Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais do distrito IV Barbanza, tal como sinala a Decisión da Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental do 16/6/2010 incorporada no expediente. Por isto e outras apreciacións, deberán corrixirse as deficiencias sinaladas no informe que a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestrutura fai chegar ao concello e solicitar novo informe a este departamento da Xunta, segundo o establecido no artigo 86.1d) da LOUG, con carácter previo á aprobación definitiva do Plan Especial.

O ámbito do plan especial está actualmente clasificado como solo non urbanizable de protección agropecuaria SNU PA, de acordo coas normas subsidiarias vixentes. Os terreos colindantes polo norte, vial por medio, están clasificados como solo urbano coa cualificación de equipamento.

O Concello de Porto do Son dispón na actualidade dunhas Normas Subsidiarias de planeamento municipais aprobadas definitivamente pola Comisión Provincial de Urbanismo da Coruña o 27/10/1994.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical