8.5.12

Noia: organizan o certame fotográfico "Imaxes con Fondo" para concienciar sobre a globalización negativa

  • O premio para a categoría da mocidade é dunha cámara ou 450€ en produtos de comercio xusto
  • O premio para adultos é dunha viaxe a Cabo Verde en 2013 para facer unha reportaxe fotográfica solidaria
  • Prazo: ata o 15 de outubro deste ano


Noia, 8 de maio de 2012. O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade do que é socio a Concellería de Benestar e Igualdade do Concello de Noia, organiza o concurso “Imaxes con Fondo”.

A finalidade de dito concurso é crear conciencia social sobre os efectos perversos da globalización. Creando unha cidadanía global responsable que denuncie as corrupcións, as inxustizas, a insolidariedade e os abusos que obstaculizan o desenvolvemento humano tanto no norte coma no sur.

Trátase de reflexionar sobre cales son as prácticas na nosa sociedade que repercuten negativamente no engrosamento das desigualdades entre os países do norto e do sur,  observando no noso entorno exemplos destas prácticas.

Para participar existen dúas categorías:

A categoría xuvenil (fai referencia a solidariedade) vai dos 13 a os 17 anos, ambos inclusive. As/os concursantes deberán achegar fotografías nas que se amose a solidariedade na nosa sociedade, entendido como un dos valores fundamentais e universais nos que deberían basearse as relacións entre os pobos e as persoas.

A categoría adultos/as (fai referencia á globalización) vai dos 18 anos en adiante: As/os concursantes deberán achegar imaxes que amosen como algunhas prácticas na nosa sociedade (tanto de persoas particulares coma de empresas e gobernos) repercuten negativamente nas poboacións dos países do sur de forma directa ou de forma indirecta, de cara a denunciar as iniquidades entre o norte e o sur que obstaculizan o desenvolvemento humano.

Premios:

Haberá só un premio por categoría:

- Para a categoría xuvenil: Cámara fotográfica Canon EOS 1100 + Obxectivo EF-S 18-55 mm (ou similar) e un lote de produtos de comercio xusto, valorado todo en 450€.

- Para a categoría adultas/os: Viaxe (inclúe billetes de avión e aloxamento) a un dos proxectos do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade en Cabo Verde, co obxectivo e compromiso de realizar un traballo fotográfico para o arquivo do Fondo Galego a modo de acción voluntaria. A viaxe ao terreo será realizada no 2013 e terá entre 15 días e un mes de duración. Cada participante poderá presentar ata un máximo de 3 fotografías individuais, ou ben ata tres series compostas de tres fotografías cada unha.

Descrición nun tweet como máximo

Para participar no concurso fotográfico “Imaxes con Fondo” poderán presentarse ata tres fotografías que deberán ser realizadas en formato JPG, cunha resolución mínima de 300ppp e deberá ocupar 5MB como máximo. Pero, o máis importante é a breve descrición de cada obra (tweet), de 140 caracteres e en galego, na que se explique a relación da fotografía ou serie co tema proposto, facendo unha reflexión sobre o significado da imaxe.

Aquelas persoas interesadas poderán facer entrega das súas obras e demais documentos requiridos ata o 15 de outubro de 2012 no seguinte enderezo electrónico: imaxesconfondo@yahoo.es . Para máis información poden escribir un correo electrónico a dito enderezo ou chamar ao 698 156 127.

Para a elaboración das bases do concurso contouse co apoio de diferentes colectivos vinculados ao mundo da fotografía: Asociación de reporteiros solidarios (AGARESO), Asociación Provincial de Fotógrafos de Pontevedra, Asociación Provincial de Fotógrafos de Lugo, Agrupación Fotográfica Galega, Asociación Fotográfica ‘Os Negativos’ e a Asociación Fotográfica Galega ‘Phosgalicia’.

Máis información en http://www.fondogalego.org/web/

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical