- O Concello conta con aprobar inversións por 5,27 millóns de euros excluíndo o proxecto Riveira Atlántica 2012, que é case totalmente de fondos europeos
- Os orzamentos sumarán case 23 millóns de euros e serán aprobados en sesión extraordinaria o vindeiro martes 15 de maio
Farase nesta lexislatura a tantas veces prometida lonxa nova? Ribeira.- 8 de maio de 2012.- A voceira de Goberno Herminia Pouso deu a coñecer na súa comparecencia dos martes un avance dos Orzamentos Municipais para o exercicio 2012: uns orzamentos cifrados en 22.829.948,22 euros, o que supón a terceira contía en importancia na historia do Concello (tan só os orzamentos de 2009 e 2011 –e hai que ter en conta que neste último estaban consignados os fondos europeos do Riveira Atlántica- foron superiores ao actual). Pouso Maneiro destacou que "pese á dificilísima situación financeira na que se atopan numerosos municipios da xeografía española e de boa parte do resto de Europa, o Executivo ribeirense foi quen de deseñar uns orzamentos positivos e altamente equilibrados, que nos van permitir poder seguir cumprindo co noso programa de goberno para esta lexislatura”. Medio cento de actuaciónsA edil resaltou a cifra do capítulo de investimentos, por valor de 5.271.716 euros, o que representa un 23,09% do total, e que vai posibilitar ao Concello acometer ata medio centenar de novas actuacións nas nove parroquias do municipio. Isto, sen contar as accións contempladas dentro do proxecto Riveira Atlántico 2015, xa que, tal e como recordou Herminia Pouso, non é posible volver incluílas no capítulo de investimentos ao estar consignados estes fondos europeos no orzamento do ano pasado. “Pero as importantísimas actuacións do Riveira Atlántica vanse desenvolver neste e no vindeiro ano”, engadiu. Algunhas das actuacións que si están recollidas no capítulo de investimentos son a creación dun acceso peonil na praia do Prado en Corrubedo, a creación dunha área de ocio con parque canino e zona de skate na rúa Barbanza en Santa Uxía, a instalación de contedores subterráneos fronte ao mercado de Palmeira, a ampliación da escola infantil ou a ampliación de beirarrúas na parte traseira do Consistorio local. Estabilidade orzamentariaDoutra banda, Herminia Pouso destacou que se logrou incrementar o aforro bruto (pasando de 2,52 millóns de euros a 2,89 millóns) e o aforro neto (que ascendeu dende os 874.802 euros do ano pasado ata 1.109.422 euros), e que se deu cumprimento ao principio de estabilidade orzamentaria con algo máis de 600.000 euros. O endebedamento segue, aseguran, por debaixo do 60%. Ao longo dos vindeiros días serán presentados os orzamentos municipais ao resto de grupos con representación na Corporación e aos sindicatos. Está previsto sometelos á consideración do Pleno nunha sesión extraordinaria que se celebrará o martes 15 de maio.
Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia
No hay comentarios:
Publicar un comentario