Barbanza, 9 de maio de 2012. A Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN) vén de solicitar de novo á Xunta de Galicia copia dos resultados das análises xenéticas realizadas a todos os lobos supostamente híbridos abatidos no Barbanza; información que xa solicitara con data 30-11-2011 e non incluida na resposta da DXCN de data 21-12-2011. Ademais, SGHN solicitou tamén:
- Cantos permisos, autorizacións e/ou licencias provisionais para capturar ou abater lobos ibéricos (Canis lupus signatus) se expediron en 2012 no Barbanza e no resto de Galicia, así como localización, extensión e condicións esixidas e capturas realizadas.
- As medidas adoitadas para garantir o control e seguemento das batidas.
- Cantos lobos, cans de orixe doméstica ou “híbridos” se cazaron legalmente dende setembro de 2011, así como localización, sexo, idade e copia das análises xenéticas de cada un deles para detectar hibridación.
- Ídem para os espécimes atopados mortos sen que existira autorización para abatelos e causa da morte (veleno, lazo, iñorado, etc)
- Coñecer se a Consellería de Medio Ambiente preveu ou planificou, e de que xeito, a xestión e manexo dos exemplares abatidos ou capturados nos controis autorizados.
- Coñecer se foron realizadas investigacións ou pescudas para determinar a veracidade das afirmacións sobre a presencia de “híbridos” de lobo en Castro de Rei ou calquera outra localidade de Galicia.
Solicitude de cese das batidas ao lobo para a eliminación de supostos híbridos No artigo científico de Godinho, R., Llaneza, L., Blanco, J.C., Lopes, S., Alvares, F., Garcia, E.J., Palacios, V., Cortes, Y., Talego, J. e Ferrand, N. (2011). Genetic evidence for multiple events of hybridization between wolves and domestic dogs in the Iberian Peninsula. Molecular Ecology 24, 5154-5166 (ver resume): Nunca se menciona a Serra do Barbanza entre as localidades nas que se atoparon lobos híbridos nese estudio.
A única localidade galega para a que se cita a existencia dun lobo probable híbrido é Mondoñedo (un macho coa referencia L379), pero deixando ben claro que era un exemplar cativo, supostamente capturado dun grupo de lobos salvaxes e do que non se está seguro da súa orixe ("supposedly caught from a wild pack... we could not be sure about its previous history and accurate origin"). Os outros individuos que son probablemente híbridos proceden de Asturias (5), Salamanca (1) e Minho (Portugal).
As áreas nas que se detectaron probables híbridos están restrinxidas a zonas marxinais de distribución da especie ou recentemente colonizadas pola especie, o cal non é o caso da Serra do Barbanza, con presencia histórica do lobo.
Como explicación para a orixe dos probables híbridos (case todos entre loba e can) os autores manexan dúas posibilidades:
Lobas dispersas no bordo dunha poboación marxinal ou en expansión.
Individuos solitarios como consecuencia da ruptura dunha manda por desaparición do macho alfa (ou dominante), CAZA SEVERA, ou o impacto de alteracións humanas do hábitat (incendios forestais, grandes infraestruturas). Á vista dos resultados destes especialistas, o lóxico para evitar a aparición de híbridos de lobo en Galicia sería evitar a fragmentación das súas poboacións, prohibir a súa caza e reducir as alteracións do hábitat, por todo o cal SGHN solicita ao Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas:
- Que, con carácter inmediato, se suspendan todas as autorizacións vixentes para matar lobos (Canis lupus signatus) en Galicia
- Que nas zonas onde se sospeite a presencia de supostos híbridos de can e lobo se proceda a CAPTURALOS VIVOS por parte de persoal especializado da Consellería que vostede preside e se proceda a súa análise xenética para comprobar se o son ou non híbridos e que no caso de ser:
- Lobos puros se proceda de inmediato a súa liberación na zona onde se capturou.
- Exemplares híbridos de lobo e can, NUNCA se liberen de novo no medio e se actúe con eles conforme á Lei 1/1993, do 13 de abril, de protección dos animais domésticos e salvaxes en catividade, e a restante normativa legal aplicable.
Máis info:
Imaxe do blog de Axena, onde tratan polo miúdo o asunto (de feito, eles foron os primeiros en dar a voz de alarma): 1.- Asasinos de lobos na Barbanza
2.- Os lubicáns
3.- A raza do can
4.- Orellas marcadas
5.- Manifestación o sábado 28 de abril
6.- A opinión dos gandeiros
Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia
No hay comentarios:
Publicar un comentario