- O Retruke, 2º Congreso Internacional de Malabaristas, recibirá a máis de 150 artistas de circo de toda Europa
Noia, 25 de abril -San Marcos- de 2012. Noia prepárase para vivir a gran festa do circo. Durante tres días, máis de cen malabaristas chegados dende todos os recunchos de Europa tomarán as rúas da localidade para asistir ao Retruke, o IIº Encontro Internacional de Malabaristas , cun programa inzado de galas circenses, concertos, pasarrúas, sesións de DJ's, obradoiros... A organización deste seminario festivo corre a cargo do colectivo Circonove, o grande proxecto de consolidación dun proxecto circense profesional no noso país e que mantén a nave do circo na localidade do Milladoiro (Ames), un espazo para a creación, produción e formación no eido circense. Disporase de distintos espazos para acoller aos convidados, artistas (uns 150 aproximadamente) e público, que visitarán a vila durante a fin de semana, e para a celebración das distintas actividades, que configuran un calendario que non lle dá respiro ao divertimento. Venres 27 de abrilO venres comezará o Retruke coa recepción de todos os participantes. Despois da comida, o espectáculo non parará ata o amencer. As 19:00 está previsto un espectáculo de malabares na rúa na Alameda, e as 20 horas na Praza do Cantón Manu Lago ofrecerá o seu espectáculo Manicús. Ás dez da noite, no Pavillón municipal, terá lugar o open stage, un espectáculo de cabaré colectivo de circo dirixido pola Asociación Circonove. Ás 23:30, na Praza do Tapal, será a quenda do concerto de Tetehless e Fanfarria Taquicardia, ao que seguirá unha sesión de DJ´s. Sábado 28 de abrilO sábado os espectáculos na rúa comezarán ás 12:00 na Praza da Constitución coa preestrea do espectáculo da Compañía Caír. Ás 19 poderase ver a Jesús Fornies na Alameda. Xa á noite, ás 22 hora terá lugar o acto central do Retruke, a Gran Gala na que se ofrecerán algúns dos espectáculos máis anovadores e de recoñecemento internacional no eido do novo circo. Ao remate, haberá unha espectacular noite de lume, un desfile de malabares con lume que se desprazarán dende o Pavillón até o Campo da Feira, como preludio dos concertos que se prolongarán durante toda a noite na Praza do Tapal. Domingo 29 de abrilO domingo ao mediodía os artistas do Retruke percorrerán as rúas de Noia nun vistoso pasarrúas. Ao seu remate, terá lugar un dos eventos lúdicos máis salientables do encontro: as olimpiadas de malabares, unha serie de probas que abofé causarán a admiración e as risas do público. Xa á tarde, será o espectáculo 'Circo Beluí' no Cantón e ás 19 horas no Pavillón o Circo Multimedia, un atractivo espectáculo que mestura circo e novas tecnoloxías e que servirá de clausura a esta fin de semana de actividades ininterrumpidas. Queres aprender a facer malabares? Hai obradoirosAqueles que non só queiran gozar coa arte dos malabaristas, senón que tamén pretendan iniciarse nela, terán a oportunidade de acudir aos obradoiros que se impartirán en horario de mañá e tarde, entre o venres e o domingo.
Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia
No hay comentarios:
Publicar un comentario