Outes, 25 de abril -San Marcos- de 2012. Xosé Ramón Riomao e José Manuel Ramos, membros da Agrupación Local de +Galiza Outes, formalizarán no pleno que se celebrará o vindeiro xoves día 26 ás 20:00 horas no Concello de Outes, a súa baixa como membros do grupo municipal do BNG. Van conservar a acta de concelleiros e, aseguran en nota de prensa, "seguiremos defendendo como até o de agora os intereses de Outes e dos seus veciños".
Presentan ademais cinco mocións, que defenderán xa como concelleiros non adscritos.
A primeira trata de darlle publicidade ás normas e regulamentos aprobados no Concello e solicítase a súa recopilación e posta a disposición dos veciños na páxina web municipal.
Na segunda piden a suspensión da oposición de dúas prazas de técnicos de xestión de administración xeral, dado que se queren reducir gastos, o capítulo de persoal acapara un 41,90% do presuposto, e non parece unha decisión acaída na situación económica actual.
Na terceira instan ó goberno local a que cumpla coa obriga legal da elaboración do inventario de bens municipais.
No cuarto lugar debatirase unha proposta destes concelleiros para convertir a antiga escola de Braño (Freixo) nunha vivenda-albergue para ofertar como complemento as actividades do Centro Náutico e Escola de Vela do Freixo.
A quinta é unha petición que veñen facendo ano tras ano, a limpeza, sinalización e dotación duns servizos mínimos ás praias do concello. No apartado de rogos e preguntas, farán chegar ó equipo de goberno a problemática que xurdeu na cobranza do recibo da taxa de saneamento.
Páxina web municipal de Outes: http://www.outes.es
Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia
No hay comentarios:
Publicar un comentario