- Moito público escoitou os consellos do cardiólogo González Juanatey, que dará unha charla este xoves en Noia sobre os coidados do corazón. Tamén estiveron cargos da Xunta e o alcalde
Ribeira, 25 de abril -San Marcos- de 2012.- O Auditorio Municipal viviu no serán de onte un concorrido acto público co que se quixo difundir as vantaxes que para a saúde conleva unha vida máis activa e saudable. Tratábase da presentación do Plan Galego para o Fomento da Actividade Física, Galicia Saudable, promovido por Presidencia da Xunta e que reuniu no salón de actos ao cardiólogo de prestixio internacional José Ramón González Juanatey, xefe do servizo de Cardioloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS) e presidente da Sociedad Española de Cardiología xunto con altos cargos da Xunta e alcaldes do PP.Os membros da mesa presidencial foron explicando os beneficios que para os homes e mulleres de calquera idade entraña a actividade física e unha dieta equilibrada. Tras a presentación, polo xornalista ribeirense David Bello, o primeiro en tomar a palabra foi Alfonso Cabaleiro, da Xunta, quen incidiu na idoneidade do acto para que os asistentes ao mesmo (e os que accedan a el por medio dos medios de comunicación) teñan a ocasión coñecer o Plan e “sobre todo, sexan capaces de poñer en práctica a actividade deportiva”. José Ramón Lete, responsable de Deporte na Xunta, explicou que o programa Galicia Saudable é un programa que avoga por propiciar un cambio cultural entre a poboación, dado que os cidadáns teñen que ser conscientes de que a actividade física é un elemento fundamental da promoción da saúde. A este respecto, afirmou que segundo aseverou o doutor Casanueva, esta pode ser a primeira xeración da historia na que os pais vexan aos seus fillos. “Temos un problema importante como é o sobrepeso e a obesidade”, declarou. E esgrimiu: “Temos que tomar o control da nosa vida”. Conferencia de JuanateyO gran momento do acto chegou coa intervención de José Ramón González Juanatey, un dos maiores expertos en cardioloxía do mundo, quen pronunciou unha conferencia na que manifestou que o non fumar, o manter unha masa corporal e un peso axeitados, o realizar exercicio regular e o levar unha dieta regular evitan o risco de infarto cardiovascular. “Todos vostedes sodes coñecedores disto e está na nosa man poñelo en práctica”, dixo, desafiando así as últimas directivas do Fondo Monetario Internacional, ao que non lle parece demasiado ben que a xente vivamos moitos anos. A continuación manifestou que o principal problema é modificar determinados hábitos de vida chegada unha determinada idade. “Tense que producir un cambio social consistente nunha participación máis directa dos cidadáns sobre a súa saúde”, declarou, e engadiu que a educación é fundamental para conquerir este fin. O 70% dos galegos non facemos exercicioO doutor Juanatey dedicou parte da súa intervención a resaltar a importancia da actividade física que, segundo explicou, é un elemento clave a calquera nivel da vida pero é especialmente relevante a unha idade avanzada: “O impacto da actividade física é máxima a partir dos 65 anos”, resaltou. A maior afondamento, informou de que case o 70% da poboación galega non dedica ningún tempo a actividade física reglada. “Isto non se pode permitir”, argüíu. Tras unha nova intervención do secretario xeral para o Deporte, pechou o evento o alcalde Manuel Ruiz, quen destacou que entre as iniciativas se ten intención do Executivo para fomentar a práctica da actividade física figuran “dous proxectos importantísimos”, como son a realización dun entorno saudable de 4 quilómetros ao longo do río Artés/Arlés e a construción doutro paseo marítimo entre Ribeira e O Touro de 1,5 quilómetros. “Temos que ter a visión de permitirlle ao cidadán que disfruten do seu concello e dunha vida san”, dixo, como se os cidadáns de Ribeira non puidesen pasear por lugares sen piso liso de formigón ou plaquetas. Obras en Olveira de Arriba e ReirizPor outra banda, o Concello tamén informa hoxe da licitación dunha actuación consistente na instalación de saneamento e pluviais nos lugares de Olveira de Arriba e Reiriz, ambos situados na parroquia de Olveira. Segundo recolle hoxe o Boletín Oficial da Provincia, o orzamento da acción ascende a 443.880,23 euros e as empresas interesadas poderán presentar as súas ofertas no Rexistro Xeral do Concello no prazo de 26 días naturais contados a partir do día seguinte a esta publicación no BOP. O prazo de execución é de seis meses. Na actualidade, os dous lugares citados carecen de rede de saneamento e pluviais, existindo unicamente algún tramo de cuneta destinado a canalizar as augas superficiais. Con tal motivo, técnicos municipais elaboraron un proxecto co obxectivo de instalar unha rede de saneamento que dea servizo aos veciños da zona, e que consistirá na colocación de dúas tubaxes (unha de 1.119 metros e outra de 164) de PVX compacto, dispoñéndose 43 pozos a 1,70 metros de profundidade e outros 13 a 2,90 metros. A través dos colectores indicados conduciranse as augas fecais por gravidade ata o punto máis baixo do trazado, onde se implantará un bombeo no que se instalarán dúas bombas somerxidas. Dende aí, as augas impulsaranse a través dunha tubaxe de polietileno de alta densidade ata a súa conexión á rede xeral. Tamén se prevé a instalación dunha rede de pluviais a través de dúas tubaxes de 371 e 177 metros de PVC corrugado. Disporanse 26 pozos a 1,70 metros de profundidade, 17 arquetas sumidouro e unha canaleta con reixa de 37 metros.
Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia
No hay comentarios:
Publicar un comentario