25.4.12

Natureza: a asociación ecoloxista Vox Ánima pronúnciase sobre a Campaña contra o Híbrido do Barbanza

Ribeira, 25 de abril de 2012. Seguen as reaccións sobre a campaña de exterminio dos lubicáns do Barbanza. Desta volta publicamos o comunicado da asociación Vox Ánima, de recente creación, e cuxa primeira actividade pública será unha manifestación o vindeiro sábado 28 de abril, da que xa informamos.


Comunicado completo:


Dende a Asociación Vox Ánima queremos amosar a nosa máis enérxica repulsa e indignación ante a campaña emprendida pola Consellería de Medio Ambiente, a través da Dirección Xeral de Conservación da Natureza para exterminar o híbrido de lobo na Serra do Barbanza; polas seguintes razóns:

 

1. Sen infravalorar nin por un instante o dereito á vida dos híbridos de lobo, salientamos que as batidas e agardos contra estes, están a afectar tamén de forma irremediable ao lobo, xa que a única maneira de diferenciar un lobo dun híbrido é mediante unha análise de ADN. Por iso gustaríanos saber cales son os criterios polos que se rixen á hora de disparar. Ademais estas accións non están sendo levadas adiante por técnicos ou profesionais dependentes da Xunta de Galicia, senón por cazadores particulares que se prestan voluntarios.

 

2. Os agardos e trampeos, previstos para os meses de abril a agosto vanse facer en plena época de cría, polo que a captura ou morte da nai, vai supoñer a morte de todas as crías por inanición.

 

3. Na observación dalgúns dos animais abatidos, presuntamente híbridos, atopáronse sinais de manipulación por parte do home, xa que tiñan as orellas recortadas, o que fai tomar corpo á posibilidade de que eses exemplares foran criados en catividade e soltados posteriormente, non se sabe con que intención.

 

4. Tanto as batidas realizadas coma os agardos e trampeos, segundo a información de que dispoñemos, estanse a facer sen un coñecemento real sobre a poboación de lobos que nestes momentos hai no Barbanza.

 

5. Ademais consideramos que a morte destes animais, sexan híbridos ou non, é totalmente innecesaria, xa que, se o que se pretende é evitar a hibridación, podería procederse á captura e esterilización dos primeiros.

 

Por todo isto esiximos o cese inmediato de esta matanza. Ademais se o que se pretende é evitar novos casos de hibridación deberán poñer control aos abandonos de cans nos montes da Serra. A única solución real pasa por efectuar medidas que eviten os abandonos: coma controis exhaustivos dos cans de caza, revisións rutineiras de microchips, rexistro municipal destes animais, compromiso de esterilizacións, infraccións por abandono; o que significa, en definitiva, un interese por parte da Administración de educar á sociedade no respecto pola vida nos animais.

 

Por último, queremos amosar tamén o noso rexeitamento ao tratamento sensacionalista que determinados medios de comunicación lle están a dar a este tema. Creando un alarmismo en torno á figura destes animais, que en nada se parece á realidade.


Relacionadas:



Temos que facer tamén referencia a Axena, asociación que deu a voz de alarma en primeiro lugar e que lle leva adicadas xa seis entradas ao asunto no seu blog:

1.- Asasinos de lobos na Barbanza
2.- Os lubicáns
3.- A raza do can
4.- Orellas marcadas
5.- Manifestación o sábado 28 de abril
6.- Opinión dos gandeiros


Exterior diptico lobo definitivo.pdf Download this file

Interior diptico lobo definitivo.pdf Download this file

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical