Polo Padre Teixugo
Estabamos comentando na Tasca do Cuco os efectos da crise no número e na calidade das concentracións moteiras: non se puido celebrar a concentración dos moteiros da Ria de Noia, tampouco puidemos correr coas nosas monturas clásicas polo circuíto galego de velocidade (en Forcarei)... Efectivamente, en Galicia temos un pequeno circuíto onde podedes facer series de velocidade sen risco da vosa seguridade: acabouse o de facer o indio pola estrada, manchando o nome dos colegas afeccionados ao mundo das dúas rodas. E na Barbanza, podemos utilizar o circuíto ribeirense de moto-cross do monte de San Alberte, cun fácil aceso dende o Polígono de Xarás. En canto ao de circular polas vías públicas, algo ao que temos dereito sempre que respectemos aos demais cidadáns, tedes que recoñecer que o mellor evento cultural do motor na comarca da Barbanza, foi a Concentración do Moto Club Praia de Cabío, da Pobra do Caramiñal. Grazas a eles, ao seu traballo, mais a colaboración do Concello da Pobra, belezas de dúas rodas, coma a BMW con sidecar da Africa Korps, perfectamente restaurada, permaneceron expostas aos ollos do público na praza Segundo Durán da Pobra do Caramiñal. Non querendo ofender aos demais compañeiros moteiros, vouvos xuntar unha pequena selección da mostra de reliquias que os moteiros clásicos coidamos con agarimo e moito esforzo, dadas as dificultades do momento. Non temos ningunha axuda para coidar e manter este patrimonio nacional que son algunhas das auténticas pezas de museo que puidestes contemplar facendo ruta polos concellos da zona, sen pedir nada a cambio. Porque a nos gústanos compartir a nosa ledicia con todos vós, sen amolar, dando unha nota de colorido e recordo dos vellos tempos. Agora acércanse tempos complicados, temos que aproveitar o mal tempo para invernar os vehículos, reparar algunha que outra peza estragada polo esforzo... pagar os impostos de circulación aos concellos (non temos exención por ser vehículos clásicos), seguro de circulación, e pasar as duras probas da I.T.V. Pero temos que dar grazas a Deus por permitirnos compartir este hobby con todos vós, e aproveito para recordarvos que, se tedes algún trasto vello e queredes información ou simplemente saír a pasear polo Barbanza, non tedes mais que contactar por este medio, de acordo colegas? De momento, non podemos mais que ser un grupo de amigos, xa que non temos recursos económicos suficientes para ser Clube federado, pero xa realizamos o ensaio da primeira ruta para motos clásicas da Barbanza: dende Ribeira (Deán Grande) ate Boiro (Vilariño) por pistas asfaltadas ao carón da autoestrada, para logo subir ate o Confurco (Lousame). A idea vai ser para o ano repetir e colaborar cos motoclubes que queiran. Quedades convidados, colegas moteiros. Unha aperta a tod@s, e o noso recoñecimento ao Moto Clube Praia de Cabío e ao Concello da Pobra do Caramiñal.Anteriores contos da Tasca do Cuco, aquí
Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia
No hay comentarios:
Publicar un comentario