- As praias estarán limpas e vixiadas xa nestas datas
Ribeira, 30 de marzo de 2012.- A diferenza de anos anteriores en que, pola Semana Santa, as Oficinas de Turismo de Ribeira adoitaban abrir o sábado véspera de domingo de Ramos, en 2012 están abertas xa a partir de hoxe, venres 30. Así o anunciou onte o concelleiro de Turismo, Anxo Orellán, quen informou de que as dependencias radicadas en Xarás e na avenida do Malecón estarán abertas ata o domingo de Pascua, 8 de abril.
O horario de funcionamento das mesmas será de 10 a 14 e de 16 a 20 horas, todos os días dende mañá ata o día 8; en tanto que a oficina permanente radicada no Centro de Interpretación de San Roque continuará co seu horario habitual ata o mércores (de 9 a 13.30 e de 16 a 19 horas), mentres que en xoves santo, venres santo e sábado santo ampliarase o mesmo, abrindo de 10 a 14 e de 16 a 20.
Dende a Área Municipal de Turismo espérase incrementar as 650 consultas rexistradas o ano pasado. Lembran que nas datas festivas de 2011 o parque de San Roque estaba en obras, co cal agora que está totalmente acondicionado agardan incrementar os 233 visitantes que acudiron ao Centro de Interpretación en demanda de información (183 deles eran de Galicia, 46 de Península e 4 estranxeiros).
Polo que respecta á oficina de Xarás, rexistrou 157 visitas, das cales 90 proviñeron de Galicia, 59 da península e 8 do exterior; mentres que na do Malecón foron 230 os visitantes: 85 galegos, 135 do resto de España e 10 estranxeiros.
O parque natural, o parque periurbano, os miradoiros e -de persistir o sol- praias como as do Vilar ou A Ladeira, espérase que sexan unha vez máis os puntos de maior interese para os turistas, aínda que se está a detectar unha atención crecente por museos e rutas de sendeirismo.
Praias limpas e vixiadas
De calquera xeito, estes días estívose a traballar na limpeza e posta a punto dos areais do municipio e entre o xoves santo e o domingo de pascua haberá servizo de socorrismo e vixilancia de praias a través de voluntarios de Protección Civil: concretamente, serán dez as persoas que se encargarán de velar pola seguridade nas praias de Coroso, O Vilar e A Ladeira, en horario de 12 a 19 horas.
Sala museo aberta
O Concello tamén informa de que a Sala Museo Municipal, situada na rúa peonil de Galicia de Santa Uxía, vai estar aberta durante a festividade de Semana Santa, coincidindo cuns días nos que o municipio adoita contar cun gran movemento de visitantes.
Concretamente, a instalación cultural permanecerá aberta o xoves e o venres santo (días 5 e 6 de abril) en horario de 11 a 13 e de 17 a 19 horas, en tanto que o sábado 7 estará a disposición do público de 11 a 13.30 horas.
Na mesma pódese ver estes días a fachada engalanada para conmemorar os dez anos da Festa da Chuvia (pagana totalmente).
Relacionadas:
- Festa da Chuvia: ata o mércores 4 de abril!
- Ribeira: programación de Semana Santa
Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia
No hay comentarios:
Publicar un comentario