30.3.12

Ribeira: un cento de kaiakistas de mar de seis países participarán nunhas xornadas do 4 ao 8 de abril

 

  • Haberá dous expertos mundiais en kaiakismo extremo e cursos en mar e terra, travesías, conferencias, obradoiros e documentais

 

 

Ribeira, 30 de marzo de 2012.- Entre os días 4 e 8 de abril, un centro de kaiakistas chegados de seis países van recalar neste municipio para participar nunhas xornadas técnicas organizadas pola Asociación Galega de Kaiak de Mar, o colectivo referente neste deporte non só a nivel autonómico e estatal senón en toda Europa e Norteamérica pola calidade das súas iniciativas.

 

O presidente da entidade, Roberto García, acompañado dos concelleiros de Deportes e de Seguridade, Juan Luis Martínez e Víctor Reiriz, e do presidente da Asociación Sálvora José Antonio Sobrado (tanto o Concello como este colectivo colaboran na acción), foi o encargado de explicar o programa destas xornadas que teñen carácter bienal e que xa van pola terceira edición (as anteriores foron en Ortigueira no 2008 e en Muxía no 2010) e que cada vez contan cun número crecente de participantes.

 

O centro de kaiakistas desta convocatoria proveñen de Canadá, Alemaña, Holanda, Francia, Portugal e de toda a xeografía española, incluíndo as Canarias. Ao longo dos 5 días de programa terán oportunidade de participar en multitude de actividades, que están distribuídas en cursos en mar (bautismos, surf, técnicas de paleo, rescates, desembarcos, esquimotaxes, navegación en correntes e kaiak para nenos), cursos en terra (ioga, comunicacións, primeiros auxilios), rutas-travesías (Coroso/Illa de Rúa/Illa Irós, Illa de Sálvora, Illa de Arousa e Illa de Ons) e talleres (reparación en fibra, tuiliks).

 

Un dos acontecementos máis relevantes é a participación de dous dos maiores expertos mundiais en kaiakismo extremo: os canadenses Marty Perry e Rowan Glog, fundadores dos Hurricane Riders, un grupo de practicantes deste deporte que actúa ao oeste do Canadá, no territorio da Columbia Británica. Ambos non só participarán como instrutores nas travesías, senón que ademais impartirán unha conferencia sobre o seu labor e proxectarán o documental “The Night Squad”, ademais de aproveitar a súa visita para gravar imaxes para os seus próximos filmes.

 

A charla e a emisión do filme dos Hurricane Riders terá lugar o sábado pola tarde no Hotel Rio Azor, emprazamento en que nos días previos (xoves e venres) haberá outras conferencias sobre temas tales como o Parque Nacional Illas Atlánticas  (a cargo de Vicente Piorno, técnico deste espazo protexido), sobre o Manuel de Boas Prácticas que se está a elaborar (con Benito Lourido como relator) e sobre a Bretaña Francesa (cun documental que presentará Manolo Pastoriza). Tamén haberá un simulacro de rescate coa participación de Salvamento Marítimo, faranse uns Xogos Esquimais e se realizarán actividades para nenos e acompañantes: barranquismo, rafting, sendeirismo, contacontos...

 

Razóns para escoller Ribeira


Sobre as razóns polas que a asociación escolleu este municipio por enriba doutros, Roberto García resaltou a idoneidade de Ribeira por reunir unhas condicións “inigualables” para a práctica do kaiak de mar, na entrada da ría máis grande de Galicia; por estar inmersa no corazón do Parque Nacional das Illas Atlánticas e por ser o concello máis importante da comarca, con servizos suficientes para aloxar aos participantes.

 

O edil Juan Luis Martínez destacou a idoneidade de albergar estas xornadas para cumprir cun dos obxectivos do Concello, que é o fomento das actividades no medio natural.




Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical