Monumento a Castelao na carballeira de Santa Susana en Santiago
Rianxo, 23 de Nadal de 2011. O Consello da Xunta vén de declarar BIC inmaterial o conxunto da obra de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao "pola súa significación para a cultura e a identidade de Galicia". Esta declaración BIC implica a conservación, difusión e investigación do conxunto da obra de Castelao, así como o fomento da súa pegada entre as xeracións futuras.
A Consellería de Cultura e Turismo enmarca esta actuación no seu labor de protexer, conservar e difundir o legado que constitúe o patrimonio cultural de Galicia e transmitilo ao futuro. Este patrimonio constitúeno todo os bens materiais e inmateriais que, polo seu recoñecido valor propio, son considerados como de interese relevante para a permanencia e a identidade da cultura galega a través do tempo. Deste xeito, con esta actuación recoñecese a obra de Castelao como un dos bens mais sobranceiros do noso patrimonio cultural. Esta é a primeira declaración de BIC inmaterial de Galicia e a primeira declaración de Ben de Interese Cultural relativa ao conxunto da obra dun autor.A declaración BIC da totalidade da obra de Castelao prodúcese no ano no que se celebra o 125 aniversario do seu nacemento. A decisión da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural vén motivada polo feito de que Alfonso Daniel Rodríguez Castelao é un dos expoñentes máximos da nosa cultura e figura imprescindible para comprender a historia recente de Galicia e a súa realidade actual. Ao longo da súa vida, Castelao traballou con empeño a favor dos dereitos dos galegos e do recoñecemento da realidade diferencial de Galicia e a súa autonomía política. O galeguismo abrangue a totalidade do seu pensamento, o seu traballo e a súa vida. Deste xeito, toda a súa obra, nas súas múltiples vertentes de debuxante, literato, ensaísta e político, está profundamente marcada polo amor á súa terra e o compromiso con Galicia.
Castelao nunca disociou arte de compromiso, ética e estética, a obra artística en canto vehículo de concienciación e afirmación da identidade dun pobo. De feito, a súa achega ás letras, ás artes e á política é determinante para a recuperación da lingua e cultura galega e a formación dunha conciencia de Galicia como nación, intimamente ligadas á defensa das liberdades democráticas. A súa decisión de non separar a súa arte do servizo a unhas ideas levouno á utilización das técnicas e estilos máis axeitados a este fin, pero sen renunciar á contemporaneidade estética vangardista. Por todo isto, o conxunto da obra de Castelao identificase como símbolo de Galicia e, polos seus valores e calidade, a súa produción creativa posúe un significado que trascende as nosas fronteiras e o seu legado ocupa un lugar destacado na historia da arte contemporánea europea. A Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, por resolución do 28 de xuño de 2011, incou o expediente para a declaración de ben de interese cultural inmaterial en favor do conxunto da obra Castelao, sobre a base do seu valor simbólico e o interese do conxunto da obra en canto vehículo de concienciación e afirmación da identidade diferencial do pobo galego. Ao día seguinte da publicación da devandita resolución no Diario Oficial de Galicia (DOG nº 136 de 15 de xullo) abriuse o trámite de información pública durante o cal se reciben dúas alegacións, ás que se da resposta razoada. Con posterioridade á resolución solicítase a tres órganos consultivos e a un dos asesores en materia de patrimonio cultural previstos na lexislación vixente o seu parecer sobre tal declaración. Tanto os informes da Real Academia Galega de Belas Artes, do Consello da Cultura Galega e da Facultade de Xeografía e Historia (departamento de historia contemporánea e América) da Universidade de Santiago de Compostela, como o emitido pola Comisión Territorial do Patrimonio Histórico da Coruña, son favorables a que a obra de Castelao sexa declarada ben de interese cultural segundo a proposta do acordo de incoación do procedemento. Deste xeito, esta declaración BIC implica a conservación, difusión e investigación do conxunto da obra de Castelao, sen prexuízo do exercicio dos dereitos de propiedade intelectual polos seus lexítimos titulares, así como o fomento da súa pegada entre as xeracións futuras. Asemade, ordénase a inscrición do ben no Rexistro de Bens de Interese Cultural de Galicia, coa descrición dos fitos principais da súa obra escrita e plástica que constan no anexo da devandita resolución de incoación da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural do 28 de xuño de 2011 e a relación da bibliografía que figura no expediente.Máscara orixinal de "Os vellos non deben namorarse" Obra literaria e plástica
A primeira obra narrativa publicada foi Un ollo de vidro. Memorias dun esquelete (1922), na que Castelao bota man da sátira social e política. A súa segunda obra, Cousas (1926), componse de breves relatos, a través dos que busca a plena expresividade para representar a alma galega que hai en cada personaxe. Retrincos, en boa medida extensión da fórmula de Cousas, está formada por cinco contos presentados como autobiográficos. Resultado da reelaboración de escritos ao longo de 25 anos, esta obra supón unha combinación equilibrada entre brevidade, sinxeleza e alto grado de elaboración. Os dous de sempre (1934) é a única novela de Castelao. Nela, narra a historia de dous homes, convertidos en verdadeiros arquetipos do comportamento humano universal, deseñados por Castelao con claridade, elegancia e humor. A súa única obra de teatro é Os vellos non deben namorarse (1941). Con ela, Castelao incorpora tendencias renovadoras do teatro europeo das vangardas a unha obra que non abandona a súa raíz galega. En 1944, Castelao escribe Sempre en Galiza, un libro que está considerado como a obra por excelencia do nacionalismo galego. Outras dúas obras salientables son As cruces de pedra na Bretaña (1930) e As cruces de pedra na Galiza (1950), que son estudos históricos e descritivos deses elementos singulares. Para rematar esta breve relación da súa obra literaria, hai que mencionar o libro Diario, que aínda que publicado en 1977 foi escrito por Castelao en 1921. Nel recolle as impresións da viaxe de estudos por Europa que fixo nese tempo e que lle deu a oportunidade de coñecer de preto as novas tendencias artísticas. En canto á obra plástica, Castelao foi un artista autodidacta, cunha capacidade natural para o trazo gráfico e para a síntese dunha imaxe real. No eido artístico, plasma todo un mundo de expresividade a través de técnicas e materiais moi variados como augada, tinta, carbonciño, lapis, óleo, pastel ou témpera. Domina, ademais, as distintas técnicas do gravado utilizando como soporte o papel, cartón e cartulina, pero destaca a súa preferencia polo debuxo rápido, apunte inmediato e de pequeno formato. Na obra gráfica de Castelao apréciase unha constante evolución na concepción da imaxe: parte dun comezo naturalista e costumista decimonónico, pero incorpora paulatinamente a composición e as percepcións espaciais do deseño moderno do seu tempo, influído pola fotografía e a estampa xaponesa e polas novidades formais do cartelismo. Dentro da súa faceta plástica, cabe diferenciar tres etapas. A primeira, desde 1908 ata 1916, a segunda, desde 1916 ata 1936; e a derradeira, iniciada co estalido da Guerra Civil e definida pola posterior etapa franquista. Desa última época son as súas creacións artísticas de máis interese desde o punto de vista da consideración do autor como figura internacional. Gran parte da obra plástica de Castelao atópase dispersa en coleccións de diferentes entidades, museos e fundacións. Unha parte importante está en Galicia, pero tamén hai numerosas obras en arquivos, museos e coleccións de persoas e entidades do resto de España, en Europa e América.
Documentación e localización da obra
Froito dun convenio de colaboración entre a Xunta de Galicia e a Fundación Castelao, asinado no ano 2008, elaborouse un catálogo de toda a obra artística de Castelao que se recolle nunha base de datos dixital con máis de tres mil rexistros. A bibliografía de Castelao e o conxunto da súa obra nas súas diferentes facetas é moi ampla e vaise ampliando ano a ano, sendo o interese que suscita de moi distintas procedencias xeográficas e temporais. En Galicia, é doado contemplar directamente moitas das obras orixinais de Castelao, xa que se conservan en numerosas institucións e son accesibles a investigadores e ao público en xeral. Por exemplo, o Museo de Pontevedra, que contou con Castelao en 1929 como vogal do seu padroado principal, conserva un importante conxunto de obras e materiais (máis de 1.600) entre as que se atopan todas as estampas orixinais dos seus tres albumes de guerra (Galiza Mártir, Atila en Galiza e Milicianos), así como o manuscrito de Sempre en Galiza, a serie de Debuxos de negros, todos os materiais da obra As cruces de pedra na Galiza, 100 debuxos realizados para ilustrar As cruces de pedra na Bretaña e a segunda e definitiva versión manuscrita de Os vellos non deben de namorarse. Pola súa banda, no Museo Provincial de Lugo atópanse 27 debuxos e gravados, unha augada, una litografía e dous óleos de Castelao, en parte doados por Álvaro Gil Varela no 1965. En Vigo, no Museo Quiñones de León, hai unha colección de 110 debuxos, e en Sada, o Museo de Carlos Maside conserva 65 debuxos e augadas. O Museo de Belas Artes da Coruña posúe 3 debuxos a tinta e un gouache, mentres que o Museo do Pobo Galego de Santiago conta con 129 debuxos e gravados de Castelao. Unha parte da obra de Castelao é conservada por institucións como Novacaixagalicia, que conta on 72 murais e 176 debuxos de Cousas da Vida. Por outra parte, a Universidade de Santiago de Compostela custodia 79 debuxos; a Fundacion Penzol, 52; a Fundación Vicente Risco, 36 debuxos e gravados; o BBVA, que ten 25 debuxos, e a Biblioteca Nacional de España, que conserva 62 debuxos. No Centro Superior Bibliográfico de Galicia (hoxe Biblioteca de Galicia) gárdanse 18 debuxos de Castelao, outros 17 no Instituto de Estudos Galegos do Padre Sarmiento, e a Real Academia Galega conserva outros 15, aos que hai que sumar 2 gravados.
Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia
No hay comentarios:
Publicar un comentario