- O seu libro gaña o premio Redelibros ao mellor título de non ficción de 2011
- O autor de Ribeira agradece o recoñecemento que lle achega a rede social galega sobre o libro, que reúne a escritores, críticos, editores, libreiros e lectores
Ribeira, 23 de Nadal de 2011.- Como defenderes os teus dereitos lingüísticos, unha obra que o seu autor cualifica como un “manual práctico para podermos vivir en galego”, acaba de obter o recoñecemento ao mellor libro de non ficción en lingua galega do ano 2011. O ribeirán Carlos Callón agradece a distinción e sinala que para el “é unha honra compartir podio no recoñecemento de Redelibros con nomes como o de Agustín Fernández Paz”, que foi distinguido na categoría de mellor libro de ficción por parte da rede social galega sobre o libro, que reúne a escritores, críticos, editores, libreiros e lectores.
En Como defenderes os teus dereitos lingüísticos Callón propón que “protagonicemos no noso día a día a revitalización do noso idioma a través de pequenas accións, porque os pequenos xestos poden orixinar grandes transformacións”. Como exemplo, anima por exemplo a “practicar un consumo responsábel co galego, dándolle prioridade a produtos ou servizos que contemplen o noso idioma, algo que podemos ter moi en conta por exemplo nestes tempos do Nadal”.
A primeira parte do libro Como defenderes os teus dereitos lingüísticos é unha “Guía rápida de conduta para vivirmos en galego”, na cal se presentan propostas “concretas e realizábeis para pequenas situacións da vida diaria en que se dificulta vivir no noso idioma”. A segunda parte da obra fai un repaso polos problemas que se pode encontrar unha persoa que quixer optar polo galego en diferentes ámbitos, desde a administración até as notarías, pasando polos servizos bancarios ou as empresas de telefonía móbil. Por último, a terceira grande parte do libro propón ese recomendado “consumo responsábel co galego”, no cal se escollan os produtos ou servizos non só pola súa calidade ou prezo, senón “tamén polo impacto que teñan na nosa lingua e cultura ou pola actitude cara ás mesmas por parte das empresas que os ofrezan ou os elaboren”.
Para o presidente da Mesa é importante “lembrar que nin a desaparición nin a recuperación dunha lingua son nunca procesos espontáneos: podemos intervir e rectificar a situación actual”. “Non o esquezamos: cada decisión que tomamos no presente modifica os futuros posíbeis”, conclúe Callón, quen agarda que “o recoñecemento realizado por Redelibros axude á difusión dos consellos e propostas que nesas páxinas se conteñen”.
Ademais de obter o recoñecemento por Como defenderes os teus dereitos lingüísticos, Carlos Callón tamén ficou de finalista con Amigos e sodomitas, título con que gañou o Premio Vicente Risco de Ensaio 2011.
Antes, en Certo:
Carlos Manuel Callón presentou o seu libro "Amigos e sodomitas"
Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia
No hay comentarios:
Publicar un comentario