23.12.11

Ribeira: promoven unha campaña de actividades para axudar ao comercio a vender máis nestas festas

  • Promovida por Concello, Deputación e Asociación de Empresarios, trátase de que nais e pais compren a gusto tendo aos cativos entretidos

 

Ribeira, 23 de decembro de 2011- A Deputación Provincial de A Coruña, a Asociación de Empresarios de Ribeira e o Concello de Ribeira unen os seus esforzos para activar, dende mañá mesmo, unha campaña de Nadal dirixida a apoiar ao pequeno e mediano comercio e incentivar as compras na cidade a través dun amplo abano de actividades de animación e outras iniciativas enfocadas cara a conciliación do tempo de lecer coa acción de compra. 

A concelleira de Cultura, Elvira Pisos; a xerente de Viamare, Elena González; e o técnico municipal Unai González deron hoxe unha rolda de prensa na que ofreceron detalles deste programa, que complementa ao calendario de actividades de Nadal impulsadas polo Concello dende a Área de Cultura. 

Ludoteca

Unha das actividades máis salientables desta campaña comercial é a posta en marcha dunha ludoteca na que todos aqueles cidadáns que queiran facer as súas compras de Nadal dun xeito un pouco máis tranquilo poderán deixar os seus nenos e nenas con idades a partir dos tres anos. Estará situada na sede do Liceo Marítimo e funcionará os días 23, 24, 28, 29 e 30 de decembro e 2 e 4 de xaneiro, en horario de 17 a 20 horas. 

Doutra banda, no transcurso destas festas haberá unha pléiade de actividades lúdicas que axudarán a dotarlle de cor e dinamismo ás rúas e prazas da cidade de Santa Uxía de Ribeira, especialmente naquelas con máis actividade comercial e tamén hostaleira. 

Media_httpfarm8static_xapud

Sala museo municipal de Ribeira, de noite

Así, os días 24 de decembro (na rúa de Galicia, na zona da sala museo municipal), 30 de decembro (na rúa Galicia, zonas museo e biblioteca) e 4 de xaneiro (zona biblioteca) desenvolveranse ao aire libre unha gran variedade de obradoiros de adornos e postais de Nadal, abalorios, maquillaxe, globoflexia, etc... Será en horario de 11.30 a 13.30 e de 17 a 19 horas. 

En segundo lugar, os días 24 de decembro (na rúa de Galicia, zona biblioteca), 31 de decembro (na praza do Concello) e o 4 de xaneiro (na rúa de Galicia, zona museo) instalaranse parques de inchables para os nenos en horario de 11.30 a 13.30 e de 16.30 a 19 horas. O día 24 pola mañá os pequenos recibirán a visita do Pai Noel, que repartirá lambetadas, e o día 4 de xaneiro será o Carteiro Real o que recollerá as cartas para as Súas Maxestades os Reis Magos de Oriente. 

Hostalería

Unha charanga estará  encargada de animar as rúas e prazas de Ribeira en horario vespertino e nocturno (de 18 a 21 horas) os días 24 e 31 de decembro e o 5 de xaneiro. Caracterizados con gorros e traxes típicos do Nadal, o seu cometido principal será animar e ambientar as rúas e prazas do comercio e, sobre todo, da zona de hostalería: praza de Vigo, praza de España, avenida do Malecón, etc... 

Por último, cabe destacar que a cidade vai recibir a visita do Expreso de Oriente: trátase dun tren infantil –onde tamén poden viaxar adultos- que percorrerá as rúas de Ribeira en horario de 11 a 14 e de 16.30 a 19.30 h os días 24 e 31 de decembro e o 4 de xaneiro. 

A estación estará  na Praza do Concello e o tren –dotado cun vagón de 25 prazas- circulará por toda a cidade levando música de ambientación de Nadal. 
 
 
 

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical