26.2.10

Mar: instalarán unha boia-laboratorio para controlar a calidade das augas na Ría de Arousa

A iniciativa supón a ubicación dunha instalación flotante: se o funcionamento é satisfactorio complementarase cunha rede no resto das rías galegas

Contrato adxudicado á empresa Reyser-Ecofloat Galicia por un importe de 68.208 euros

O acordo inclúe a instalación do laboratorio flotante durante un ano, o seu control e mantemento mensual, o acceso a aplicación vía web para a consulta dos datos, a remisión de informes quincenais e a xeración de alertas

Deste xeito haberá datos en continuo, coa consecuente posta en marcha inmediata dos protocolos de actuación nos casos en que se detecten incumprimentos

Ribeira, 26 de febreiro de 2010.- A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas pon en marcha un proxecto piloto de instalación dun laboratorio flotante para o control de vertidos e calidade das augas no medio mariño, concretamente na ría de Arousa. Esta iniciativa comézase coa colocación de dúas instalacións, nas rías de Arousa e o Burgo, e se o seu funcionamento é satisfactorio, irase completando a rede de control no resto das rías de Galicia.

Para levar a cabo estes traballos tramitouse un contrato de título plan piloto experimental para a monitorización en continuo da calidade das augas costeiras nas rías de Arousa e do Burgo, que foi adxudicado á empresa Reyser-Ecofloat Galicia por un importe de 68.208 euros.

O laboratorio da ría de Arousa ubícase nunha boia que se fondea no punto de control seleccionado e transmite en tempo real parámetros de calidade das augas: físico-químicos e microbiolóxicos. A maior novidade desta iniciativa é que permiten o control da microbioloxía en tempo real, o que non ten ningunha das boias instaladas por outros organismos.

Obtención de datos

Deste modo, se logra dispor de datos en continuo e a posta en marcha inmediata dos protocolos de actuación nos casos en que se detecten incumprimentos. Ademais de obter datos de calidade en tempo real, en diferentes períodos do ano e a diferentes horas, o que nos permitiría definir os momentos de maior contaminación e por tanto, regularizar a forma en que se realizan os vertidos.

Asemade, lógrase complementar e dotar as redes de control de calidade que esixe a Directiva Marco da Auga; dispor de datos do medio receptor que complementen os traballos que se executarán dentro dos planes de saneamento local; e completar a Rede Cave definida para o medio fluvial, cunha rede de control en medio mariño.

Características técnicas

O contrato inclúe a instalación de dous laboratorios flotantes durante un ano, o seu control e mantemento mensual, o acceso a aplicación vía web para a consulta dos datos, a remisión de informes quincenais e a xeración de alertas.

Durante este ano contrastaranse os datos que proporcionen as boias con datos da analíticas realizadas manualmente nas redes de calidade de Augas de Galicia, para comprobar o seu funcionamento.

Posted via email from Posterous de Certo, o xornal virtual de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical