5.3.11

Boiro: a Xunta anuncia o remate da obra do interceptor de Barraña para abril e xa tiña que estar rematado o ano pasado

Media_httpfarm4static_ekghg

Boiro, 5 de marzo de 2011. A Xunta de Galicia anunciou hoxe que van rematar as obras do colector-interceptor de Barraña en abril deste ano (un mes antes das municipais). En 15 de xullo de 2010, a mesma Xunta explicaba:

"A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas tamén financia as obras de construción dun novo colector interceptor na praia de Barraña, no concello de Boiro, por un importe próximo aos 3 millóns de euros. Esta obra está incluída no plan de choque para a eliminación de verteduras nas rías galegas e quedou comprometida a través do asinamento dun convenio entre a consellería, a Empresa Pública de Obras e Servizos Hidráulicos e o concello boirense, asinado en xullo de 2009. Na actualidade, o colector interceptor está executado ao 100% e, con respecto ao tanque de tormentas, está realizado todo o perímetro apantallado. A previsión é que en breve se inicien as operacións de baleirado do tanque de tormentas. Nese sentido, a porcentaxe de execución desta obra é do 70%. A Consellería de Medio Ambiente espera que as obras rematen este mesmo ano. As accións deste proxecto céntranse nun punto ao sur do núcleo urbano, onde se sitúa a praia de Barraña, na cal un colector interceptor recolle todos os secundarios que baixan a través de varias avenidas".

E hoxe anuncia:

O proxecto atópase ao 97 por cento da súa execución total. As obras do novo colector da praia da Barraña, no concello de Boiro, rematarán o vindeiro mes de abril. O novo colector implica un investimento de case 3 millóns de euros

As obras de construción dun novo colector interceptor na praia de Barraña, no concello de Boiro estarán rematadas o vindeiro mes de abril, xa que actualmente se atopan a un 97 por cento do súa execución. Esta obra está incluída no Plan de choque para a eliminación de verteduras nas rías galegas e quedou comprometida a través da sinatura dun convenio entre a Consellería, a Empresa Pública de Obras e Servizos Hidráulicos e o concello boirense. O proxecto foi adxudicado por preto de 3 millóns de euros.

Esta actuación foi proxectada porque a rede do núcleo de Boiro é unitaria polo que, en canto chove, o interceptor soborda directamente á area da praia. Ademais, a rede non conta con ningún elemento de laminación e, de forma sistemática, cando chove forte, os seus bombeos alivian e algúns pozos vense desbordados. Con estas obras lograrase o control das augas pluviais e, así, eliminaranse os vertidos á praia de Barraña e, como consecuencia, á ría de Arousa.

O proxecto hidráulico inclúe a continuación da renovación do interceptor, instalando un colector de poliéster reforzado con fibra de vidro en lugar do actual de fibrocemento, dende o pozo número 9 ata o novo tanque de Chouza. Tamén se construirá un tanque de tormentas para a retención dos importantes caudais xerados na rede en tempo de choivas na zona do peirao.

Obras da segunda fase do saneamento de Boiro
A Consellería de Medio Ambiente tamén está a executar neste concello as obras da segunda fase de saneamento no río Coroño. Esta actuación, que se atopa ao 50 por cento da súa execución, rematarse este verán. O importe de adxudicación foi de 730.500 euros e a empresa adxudicataria do proxecto foi a UTE Empresas Vivendas e Obras Civiles-Lancer, Proxectos e Obras.

A Xunta de Galicia considera esta actuación fundamental e prioritaria para impulsar e practicar as políticas de respecto medioambiental, xestionando as verteduras urbanas e evitar así os vertidos incontrolados ao medio, como neste caso o río Coroño.

O obxectivo primordial das obras é instalar unha rede de colectores de augas residuais nos núcleos de Mieites, Comoxo e A Cuncheira, que actualmente carecen dela, e a súa incorporación no núcleo de Pazos á rede de residuais. Non se contempla a construción da rede de colectores nos restantes núcleos da conca do río Coroño, como Enseño, Pomar do Río, Loxo de Arriba e Loxo de Abaixo, pero teranse en conta á hora do dimensionamento hidráulico dalgúns colectores xerais, así como nun dos bombeos. Ditos núcleos incorporaranse á rede en posteriores fases de construción.

As obras consisten en recoller as augas residuais dos núcleos anteriormente mencionados e transportalas mediante colectores por gravidade e impulsións ao depósito de Coroño, situado na localidade de Pazos. Para levar a cabo os traballos, executaranse 5.592 metros de colectores de residuais por gravidade en tubaxe de PVC, cun diámetro de 315 milímetros. Ademais, instalaranse dúas estacións de bombeo, que realizarán impulsións de 559 mililitros, e executarase un pozo de aneis prefabricados con cámara de chaves in situ, e outro pozo rectangular in situ de formigón.

Obras da primeira fase do saneamento de Boiro
Cómpre lembrar que a Xunta de Galicia tamén financiou a primeira fase da obra de instalación do colector de saneamento do río Coroño, no treito Brazos-Coroño, mediante unha achega económica de preto de 500.000 euros.

Esta primeira fase consistiu na construción dunha nova rede de saneamento, paralela ao río Coroño, que recolle as augas residuais xeradas en varios núcleos de poboación. A rede de saneamento conta agora cun interceptor xeral e ramais secundarios, e ten unha lonxitude total de conducións de 3.400 metros. As augas residuais son conducidas polo interceptor xeral ata unha nova estación de bombeo ubicada na zona de Runes.

Os proxectos que promove a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas beneficiarán aos preto de 20.000 habitantes do Concello de Boiro".

Tiren vostedes as súas propias conclusións.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

4.3.11

Ribeira: este sábado 5, acto deportivo de precampaña do Partido Popular

Mañá dende as cinco da tarde na praza de España de Santa Uxía haberá tenis, baloncesto, futbolín, ximnasia ou dardos, ademais de inchables para os nenos

Ribeira, 5 de marzo de 2010.- Todos os veciños do municipio están convidados a participar mañá na praza de España, a partir das cinco da tarde, en “Riveira e Manolo Ruiz Están en Forma”: unha iniciativa promovida por Novas Xeracións de Riveira para fomentar o deporte na rúa e favorecer a adopción de hábitos saudables na sociedade.

O presidente do colectivo xuvenil, David Fernández Fernández, salientou hoxe que con esta acción búscase que todos os cidadáns do concello, con independencia da súa idade, “se poñan o chándal e se boten as rúas para disfrutar dunha vida cotiá máis activa e saudable practicando aqueles deportes que máis lles gusten”. Fernández Fernández engadiu que a de mañá "será unha excelente oportunidade de gozar dos novos e magníficos espazos públicos con que conta a cidade, entre os que a praza de España é un exemplo diáfano".

O responsable local de NNXX declarou, nun evidente ton político de precampaña, que Manuel Ruiz Rivas "personifica á perfección os valores que se queren transmitir con esta actividade, que se definen no eslogan “Actívate, Créate e Libérate”.  Manolo é un exemplo de que con esforzo e constancia se pode acadar calquera meta”, afirmou.

A praza de España estará dividida en varias seccións. Nunha delas haberá inchables para os máis pequenos, futbolín humano, pista de bádminton e zona de baloncesto. Noutro espazo será posible facer ximnasia en tres modalidades distintas: bodystep, spinning e aerobic. En tanto que unha terceira sección (“pensada para que os nosos maiores poidan lembrar vellos tempos) permitirá xogar aos dardos e ao futbolín.

Para reparar folgos, repartirase auga e froita nun posto no que tamén se poderá recoller a publicación que edita NNXX para informar das accións que desenvolve ao longo do ano a nivel local. Ademais do candidato á Alcaldía de Ribeira polo PP, está confirmada a asistencia do presidente e do secretario xeral de Novas Xeracións de Galicia, Javier Dorado e Juan Francisco López, así como os responsables da entidade conservadora en Noia e Lousame e A Pobra.

“Hoxe cociñamos nós”, no Día da Muller Traballadora

Por outra banda, David Fernández adiantou que o vindeiro martes 8 de marzo, Día Internacional da Muller Traballadora, Novas Xeracións de Ribeira vai render homenaxe ás mulleres por medio da iniciativa “Hoxe cociñamos nós”.  Así, membros do colectivo situaranse ante a praza de Otero Goyanes (fronte á Igrexa de Santa Uxía) e cociñarán in situ varias tortillas coas que agasallar ás mulleres que por alí desexen achegarse. Esta iniciativa terá lugar a partir da unha do medio día.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: Ámbar comezou cos actos do Día da Muller Traballadora repartindo flores na praza do Concello


Ribeira, 4 de marzo de 2011. A asociación AMBAR das Persoas con Diversidade Funcional iniciou hoxe os actos de conmemoración do Día da Muller Traballadora, que se celebra oficialmente o 8 de marzo.
O acto de hoxe, na Praza do Concello de Ribeira,  os usuarios do Centro Ocupacional e Centro de Día da Asociación AMBAR repartiron flores de papel que realizaron eles mesmos ás mulleres que se atopaban polas cercanías da praza, e leron un manifesto reivindicativo animando aos poderes públicos a que continúen mantendo e desenvolvendo políticas activas de intervención social dirixidas ás mulleres con diversidade funcional.

Alcaldables e candidatos con diversidade funcional

Tamén solicitaron aos partidos políticos comarcais que inclúan nas súas candidaturas para os comicios do 22 de maio accións de atención preferente ás persoas con discapacidade, especialmente no caso de ser mulleres ou ter especiais dificultades de inserción, en todos os programas, proxectos e accións de integración que promova o municipio ou a provincia.

Festa de Entroido

Por outra banda, Ámbar anunciou que o próximo luns, día 7 de marzo, os usuarios do Centro Ocupacional e Centro de Día da Asociación AMBAR das Persoas con Diversidade Funcional celebrarán no Centro de Recursos en Frións unha gran festa de Entroido na que non faltarán música e doces típicos. A xornada incluirá, a primeira hora, elaboración de rosquillas e posta de disfraces e ás 12 do mediodía comezará o concurso de disfraces no que se proclamará o rei e raíña do antroido, mellor disfraz e maquillaxe e mellor decorado. A xornada rematará cunha festa musical e a degustación de rosquillas.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Noia: o Bng centra a precampaña a vindeira semana no asunto da caixa galega

Carta manifestacin 13 marzo 2011_localidades (1).pdf View this on Posterous

Media_httpfarm5static_ouslc

Noia, 4 de marzo de 2011. O BNG manterá na próxima semana unha serie de encontros coas xuntas directivas de diversas entidades, que teñen a súa sede en Noia, aínda que o seu ámbito de actuación abrangue a toda a comarca. "Estámonos a referir sobre todo a aquelas asociacións que nos últimos tempos tiñan unha estreita relación coa obra social da Caixa de Aforros, e que ante a inminencia da súa transformación en entidade bancaria, tal peculiaridade de colaboración coa sociedade civil vai a desaparecer. Hai que lembrar que o Goberno Central vai privatizar a Caixa de Aforro Galega, sen resistencia algunha por parte da Xunta de Galicia", explicou Bieito González, alcaldable polo Bng de Noia, en nota de prensa.

Media_httpfarm5static_cedkx

Segundo os nacionalistas, a actual Caixa concentra máis do 50% dos aforros das galegas e dos galegos, uns aforros que rematarán en mans privadas no canto de investírense no País. O motivo do encontro é darlle traslado a estes colectivos da misiva do Portavoz Nacional do Bng, Guillerme Vázquez, que se inclúe nesta información, e onde se analiza a situación económica que está a vivir esta comunidade autónoma histórica, ao tempo de convidalos á mobilización que terá lugar o vindeiro domingo, día 13, en Santiago de Compostela en defensa do aforro galego, do emprego e "en definitiva do dereito a vivir e a traballar na propia terra", conclúe Bieito González.


 


Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Xadrez: resultados da oitava xornada da Liga Galega

Cultura: conceden o XII premio Leixaprén ao impulsor de Flocos.tv, Manuel González

Manuel_gonzlez_lvarez

Entrégase o 27 de maio en Porto do Son, dentro do Encontro do Audiovisual Escolar Galego

Media_httpfarm4static_aykcj

Porto do Son, 4 de marzo de 2011. Manuel González Álvarez é o gañador da XII edición do premio Leixaprén, que concede a Coordenadora Leixaprén de Equipos de Normalización Lingüística. Manuel González, da Rúa de Valdeorras en Ourense, foi un dos impulsores da web do audiovisual galego que foi noticia esta semana pasada, Flocos.tv, porque a Xunta de Galicia deixouna esmorecer e finalmente desactivouna. Flocos.tv, que se asemellaba a iniciativas tan interesantes como a National Film Board of Canadá, era un repositorio de documentais, películas e curtas de todas as épocas feitas por galegos ou con Galicia como protagonista. Nela podíanse ver, como no caso de Canadá, producións audiovisuais ás que non é doado acceder e que se fixeron, ou ben se conservan, cos cartos de todos os cidadáns -hai xente que aínda lles chama impostos-.
 
Que é o Premio Leixaprén?

Este galardón creouse no curso 1999-2000 por iniciativa do Equipo de Normalización Lingüística do IES Poeta Añón de Outes, que foi o primeiro centro en asumir a súa organización, co obxectivo de recoñecer o labor que realizan persoas, colectivos, empresas ou institucións na promoción e defensa da lingua galega.

O Premio está concibido como unha actividade aberta á participación de todos os Equipos de Normalización Lingüística dos centros de Ensino Secundario que queiran sumarse á iniciativa, mais tamén como un premio itinerante de tal xeito que en cada curso académico é un ENL distinto o que se responsabiliza da organización do programa de actos da entrega do devandito galardón.

Dende que na súa primeira edición fose concedido ao poeta Manuel María Fernández Teixeiro, diferentes personalidades e colectivos do mundo da cultura, as artes plásticas, o xornalismo, a música ou o ensino, como o profesor Xosé Agrelo Hermo, o artista Isaac Díaz Pardo, o historiador e escritor Manuel Fabeiro Gómez, a Asociación Mar de Lira, a Escola Infantil Raiola, o músico e xornalista Xurxo Souto, etc.

Cando se entrega?

Este ano estase a organizar un Encontro do Audiovisual Escolar Galego que terá  lugar na casa de cultura de Porto do Son o 27 de maio e constará de catro partes:

  1. Exhibición e presentación de actividades.
  2. Entrega do Premio Leixaprén a Manolo González (Flocos, Cinemas Dixitais... ver Premio Leixaprén).
  3. Talleres, charlas, conferencias, encontros dos rapaces con profesionais dos medios audiovisuais.
  4. Asemblea de docentes que traballamos no audiovisual para sentar as bases dunha asociación, ou proxecto común.
Programa:
O encontro terá lugar o venres 27 de maio de 2011 entre as 10.00h e as 20.00h. Pola mañá, a Casa de Cultura do Concello de Porto do Son acollerá a proxección dos traballos escolares e a entrega do XII Premio Leixaprén. O encontro trasladarase pola tarde ás instalacións do IES de Porto do Son, no que se desenvolverán os obradoiros formativos e o foro dos docentes.

10.00h recepción de participantes na Casa de Cultura de Porto do Son
10.30h presentación da xornada e proxección de traballos audiovisuais
13.00h entrega do Premio Leixaprén a Manuel González Álvarez.
13.20h representación da obra Made in Galiza (Grupo de Teatro do IES de Porto do Son)
14.00h xantar
16.00h primeira quenda de obradoiros e foro de docentes
17.30h pausa-merenda
18.00h segunda quenda de obradoiros
20.00h entrega de agasallo conmemorativo, clausura do encontro e despedida dos participantes

Weblog de referencia:

http://soncine.blogspot.com

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Boiro: o Centro de Información á Muller celebra o Día da Muller Traballadora o 9 de marzo con testemuñas

Falarán emigrantes e inmigrantes sobre as súas peripecias

Media_httpfarm5static_eaaxi

Boiro, 4 de marzo de 2011. O Centro de Información a Muller do Concello de Boiro organizar este vindeiro mércores, día 9 de marzo do que andamos, con motivo do Día Internacional da Muller Traballadora, un acto no cal se van expoñer varias testemuñas dos problemas, dificultades, facilidades de mulleres procedentes doutros países que decidiron asentarse en Boiro e de mulleres de Boiro que tiveron que deixar  o seu pobo. Van relatar  a súa experiencia nos países ós que chegaron.

Tamén haberá unha pequena exposición sobre a conciliación vida laboral e familiar e outra sobre como afrontar os retos de hoxe como muller. 

A actividade terá lugar o vindeiro mércores día nove no Centro Social de Escarabote ás 20.00 horas.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Noia: o Concello organiza con Barbantia as Xornadas VI Semana da Historia, adicadas a Agrelo Hermo, do 19 ao 26

Media_httpcgaturuxoga_wieud

Imaxe do busto de Agrelo en Muros, de http://cgaturuxo.galiciaaberta.com

Noia, 4 de marzo de 2011. Este sábado, día 5 de marzo, terá lugar ás 12:00 h. na Casa da Cultura de Noia a presentación das Xornadas VI Semana da Historia de Noia, dedicadas nesta ocasión, ao mestre e dramaturgo Xosé Agrelo Hermo.

 
Estas Xornadas celebraranse do día 19 ao 26 de marzo na Casa da Cultura "Antón Avilés de Taramancos" de Noia. Están organizadas pola Asociación Barbantia en colaboración co Concello de Noia.

Na presentación das Xornadas estarán, polo Concello. Rafael García Guerrero, alcalde, e José Manuel González Canabal, concelleiro de Cultura; por parte de Barbantia, Xesús Laíño. o seu presidente, e Xerardo Agrafoxo Pérez, coordinador das Xornadas.
 
As Xornadas están orientadas a profesores e contan coa homologación da Consellería de Educación  cunha duración de 10 horas. Paralelamente ás Xornadas terá lugar unha exposición monográfica sobre a vida e obra de Xosé Agrelo e a estrea da obra da derradeira obra de teatro escrita por el. Todas as personas interesadas deben dirixirse á Casa da Cultura para inscribirse 

Relacionada:


Homenaxe a Agrelo: o 12 de marzo en Lugo, pola AGE


Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Lousame: esta fin de semana, V Xornada da Camelia


Noia, Boiro, Porto do Son e Lousame son concellos que exaltan a camelia nestas bisbarras

Lousame, 4 de marzo de 2011. O polideportivo "Pilar Barreiro Senra" acubilla esta fin de semana a V Xornada da Camelia.

O sábado, 5 de marzo, recíbese aos visitantes dende as nove da mañá cos seus exemplares de camelia. A mediodía, comida conxunta no Trapeiro. Pola tarde o xurado valora as camelias que pasarán ao expositor. Tamén haberá unha visita guiada ás minas de San Finx antes da inauguración, prevista ás seis da tarde. O xurado da o seu dictame, con premios ás mellores camelias, ás sete da tarde. Presentaranse concursantes de toda Galicia.

Xa o domingo, 6 de marzo, a exposición de camelias abre de dez da mañá a oito da tarde. Están programadas varias actividades para rapaces entre 6 e 14 anos coa fin de divulgar esta planta.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Porto do Son: a Organización Galega de Comunidades de Montes reúnese o 12 de marzo na casa da cultura

Media_httpfarm4static_mxhhq

Visitarán o castro de Baroña logo do xantar

Porto do Son, 4 de marzo de 2011. A Organización Galega de Comunidades de Montes (ORGACCMM) vai celebrar o vindeiro sábado 12 de marzo de 2011, na casa da cultura de Porto do Son a súa Asemblea Xeral Ordinaria. Comezará ás 10:00 horas coa seguinte ORDE DO DíA:

1. Lectura e aprobación da acta anterior, se procede

2. Altas e baixas no censo de comunidades

3. Aprobación, se procede, do informe de xesión da Xunta Reitora da ORGACCMM

4. Aprobación, se procede, do estado de contas da ORGACCMM

5. Debate sobor o borrador da nova Lei de Montes Veciñais

6. Aprobación da cota para o ano 2011

7. Recoñecemento a David Díaz Losada, (fundador da ORGACCMM)

8. Propostas e preguntas

Pola tarde, logo do xantar, haberá visita ao Castro de Baroña.

Vía

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical